A portavoz nacional do BNG realizou unha visita institucional ao concello de Mazaricos, onde foi recibida polo alcalde, Juan José Blanco Riveiro.Ana Pontón e o deputado Xosé Luís Rivas “Mini” mantiveron un encontro co goberno local do BNG e tamén co presidente da asociación de gandeiros, Óscar Blanco e co da asociación de hostaleiros, Jorge Jurjo.
Pontón Mondelo trasladou ao goberno local propostas que levará ao Parlamento de Galicia «a primeira das cales pasa por garantir un prezo xusto para os produtores cunha intervención directa da Administración no mercado para evitar o dumping que se da neste sector».A portavoz nacionalista incidiu na compleza situación do sector lácteo:»Hai tres datos que son clarificadores da delicada situación do sector: os gandeiros e gandeiras deste país seguen cobrando o prezo máis baixo do leite en todo o Estado, sete de cada dez explotacións leiteiras que pecharon en 2015 eran galegas e desde que en 2009 chegou Feijóo á Xunta botaron o peche 4.300 explotacións”.
Desde o BNG insisten en que o acordo de Madrid foi un fracaso porque os gandeiros seguen igual ou peor coa mesma indefensión ante a industria, cos prezos máis baixos e sen apoio a un sector estratéxico para o país».O propio alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, explicou que no seu concello hai unhas 400 explotacións gandeiras «pero senón se toman medidas que fagan mudar o rumbo, en dez anos haberá menos da metade”.Ana Pontón tamén sinalou que o BNG aposta por favorecer a transformación de produtos lácteos que xeren valor engadido e incrementen o nivel de ingresos das explotacións.
Na xuntanza abordaron outras cuestións que preocupan ao Concello, como as dificultades de mobilidade entre municipios limítrofes e con cidades como Santiago, debido a falta dun servizo eficaz de transporte por estrada con horarios e prezos adecuados. Un aspecto fundamental para darlle calidade de vida a concellos como Mazaricos e frear a despoboación imparable dos últimos anos, que no caso deste municipio se traduce nunha perda de case o 50% da poboación en apenas unha década.