4.8 C
Santa Comba
jueves, marzo 28, 2024

A Laracha aprueba distintas inversiones en el pleno

Na sesión ordinaria do Pleno celebrada hoxe a Corporación municipal acordou aprobar –coa única abstención dos dous concelleiros do grupo socialista- os tres puntos da orde do día relacionados cos cambios de destino dos fondos procedentes do Plan de Acción Social (PAS), trámite que tamén implicaba as correspondentes modificacións nos orzamentos xerais municipais.

Deste xeito o Concello da Laracha empregará os 477.853,31 euros que lle corresponde percibir con cargo a este programa provincial na renovación da cuberta do pavillón polideportivo de Caión, á ampliación das beirarrúas en Epifanio Campo Núñez e á mellora da rede viaria na parroquia de Torás (en concreto, no núcleo de A Gándara e na vía que comunica a CP-1913 con Ponte Martín), Vilaño (núcleos de Amboade, A Fraga, Ferreiros, Os Canedos, As Avieiras e Os Meáns) e Soandres (Compañeiro, Condesuso, O Corgo, O Pazo, Paradela e Vilariño).

O rexedor municipal, José Manuel López Varela, explicou que despois da convocatoria do PAS publicada no seu día no BOP, o Presidente da Deputación emitiu unha resolución facendo unha interpretación das bases. Todos os proxectos inicialmente previstos polo Concello da Laracha cumprían co establecido nesa resolución e contaban cos correspondentes informes favorables dos técnicos municipais. Non obstante, tres das actuacións que se pretendían realizar non contaron co visto bo dos técnicos da Deputación ao ter en consideración exclusivamente as bases da convocatoria e non a resolución do Presidente. Ese foi o motivo de que o goberno local tivese que propoñer ao Pleno a modificación aprobada hoxe.De todos os xeitos, o alcalde considera que, aínda que “os camiños nos que proxectaramos actuar precisan dunha mellora, as obras que finalmente imos facer con cargo ao PAS tamén son moi importantes.

Neste sentido adiantou que as beirarrúas en Epifanio Campo van ser ampliadas, terán todos os servizos canalizados e establecerase un sentido único de circulación dos vehículos, todo iso para “ofrecer máis espazo para transitar a pé, mellorar a accesibilidade cara o centro médico, manter prazas de estacionamento de vehículos aos dous lados e favorecer a circulación do tráfico, o que suporá unha maior comodidade para os veciños e un novo incentivo para o sector do comercio local”. Este mesmo modelo levarase a outras rúas do casco urbano da Laracha paulatinamente, segundo as posibilidades económicas e con posibles participacións en plans doutras administracións, xa que se trata “de proxectos que supoñen un importante investimento”.

Subvencións nominativas

O Concello da Laracha destinará 25.950 euros ao apoio económico directo ás Comisións de Festas para o desenvolvemento dos seus programas en cada unha das parroquias ao longo dos próximos meses, ademais da colaboración organizativa que se lles prestará en todo momento. O alcalde explicou que a contía da subvención municipal a cada parroquia responde a criterios de poboación e do número de xornadas nas que se programen eventos festivos.

Neste ano tamén se outorgou unha axuda á Garda Civil por un importe de 900 euros para cooperar nos gastos derivados da organización dos actos das Festas do Pilar. López Varela aclarou que todos os anos o Concello colabora economicamente con esa institución no citado evento, pero que por normativa nesta ocasión o sistema é, por primeira vez, por medio dunha subvención nominativa.

Este punto da orde do día aprobouse coas abstencións do grupos dos socialistas (PSOE) e  dos nacionalistas (BNG).

Mocións

Salientar, por último, que foron aprobadas por unanimidade dúas mocións.Unha delas estivo relacionada coa solicitude ao Ministerio de Facenda de exencións e bonificacións fiscais na tributación das explotacións agrarias e gandeiras. Na outra instouse á Xunta de Galicia a estudar a posta en marcha dun plan galego de emprego feminino que inclúa unha renda de inserción laboral para mulleres desempregadas.

Fonte- Nota de  prensa Concello da Laracha

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos