Juan Blanco, alcalde de Mazaricos recibiu no seu despacho a Adiante Galicia para falar de distintas cuestión. Asegura que cando remate o ano terá cumprindo o 80% do programa electoral. Non sabe aínda se se presentará a reelección no 2019.
Entrevista Juan Blanco
Na Casa do Concello da Picota agardei polo alcalde que saíra visitar unha obra. Entre unha cousa e outra, entrevista e desenfada tertulia posterior co Blanco e o concelleiro Esteban Pereiro, pasamos o mediodía por estas terras.
Juan Blanco(BNG), alcalde elixido por maioría absoluta, confesa que lle resulta duro facer xornadas diarias de 16 horas de traballo, os sete días da semana, e tamén lamenta que ten que dedicar moito tempo a reparacións e non a “proxectos innovadores”. Afirma que hai camiños como en Arcos que levaban moito tempo sen desbrozarse ou que as instalacións municipais teñen humidades:“Encontrámonos cun concello que non tiña débedas pero era como unha casa vella sen arranxar. As instalacións están mal, hai camiños que levaban sen reparar desde fai moito tempo. Ao mellor era preferible ter algo débeda.Estamos arranxando cousas cando deberíamos estar centrados en proxectos innovadores”.
Aínda así destaca que “a final de ano teremos o 80% co programa electoral cumprido”. Refírese a redacción da nómina do alcalde, a supresión do soldo de tenente de alcalde, ou un plan de axudas para autónomos que “será aprobado no seguinte pleno”.Tamén incide nos traballos de revisión do plan xeral ou no interese que hai “para buscarlle unha saída ó polígono industrial”. Non se quere esquecer do aumento de 75.000 euros no capítulo de asistencia a domicilio ou da colaboración e apoio a entidades como Eu Son Mazaricos, Amas de Casa ou Gandeiros.
E falando de asociación, nesta entrevista Juan Blanco xustificou a baixa na asociación Neria porque “é unha asociación que costa diñeiro e non aporta nada” e está “nunha situación de bancarrota total”. Entende que neste colectivo “non se están facendo as cousas ben e nós non temos porque formar parte de ese problema”.
O que parece ter claro Juan Blanco é que se vai a seguir implicando na defensa do sector lácteo “o sector gandeiro é moi importante para Mazaricos, é un tema de emerxencia. Se eles desaparecen nós imos con eles”.O rexedor tamén nos avanza que non ten decidido se vai volver a presentarse:”Ao mellor dentro de catro anos tampouco me presento”. E aínda que si o faga comenta que non pretende ser “un político profesional”.
O mandatario nacionalista afirma que “estou aquí para gobernar para todos e cambiar as cousas” e advirte que “pode haber medidas que non gusten pero gobernamos para o conxunto”.Ao longo da conversa que se pode escoitar neste mesmo artigo, Blanco Riveiro critica a pouco cooperación da Xunta de Galicia que “o está facendo mal” e máis a perda de servizos nos concellos do rural, como o de pediatría ou as liñas de transporte público:”O rural non lles importa porque non suman votos”.Adianta que pretende revisar o alumeado público no concello e ir dando resposta a moitas demandas que hai no concello:”Hai problemas que levan 20 anos sen resolverse e queren que se solucionen agora”.



