Ascenden a 4.694.691,34 euros, que son case 300.000 euros máis que en 2017 Neda.
O alcalde de Neda, Ángel Alvariño Saavedra, e máis a concelleira de Servizos Socias, Igualdade, Facenda e Terceira Idade, Ana Rosa Pena Barcia, presentaron hoxe en rolda de prensa os presupostos municipais para o presente exercicio, que ascenden 4.694.691,34 euros. Son case 300.000 euros máis que en 2017 (4.403.633,03 euros).
Alvariño Saavedra defendeu un documento que calificou de participativo, “porque todas as necesidades dos veciños están recollidas aquí”, e do que a concelleira tamén destacou o seu “contido social”, polo incremento dun 26,70% no último ano e dun 104,29% nos últimos tres do gasto destinado ao Servizo de Axuda no Fogar, unha prestación que este ano tamén chegará aos seus usuarios durante as fins de semana e días festivos.
O alcalde, que significou o plan de aforro que se vén aplicando “desde o primeiro día” e que cuantificou en 800.000 euros o remanente actual de tesourería, destacou a importancia que para un municipio como Neda representa sacar a licitación dentro do presente ano a contratación do Servizo de Axuda no Fogar (800.000 euros) e o relativo á limpeza dos edificios públicos (200.000 euros), ademais do que poida acontecer con respecto ao da recollida de lixo, “pendente de Ferrol e Narón”.
Unha situación que, segundo Alvariño, se pode acometer sen ningún tipo de reserva polo bo estado da economía municipal, que conta cun importante remanente de tesourería (797.782 euros) e un pasivo financeiro inferior aos 175.000 euros. A débeda viva é dun 13,50%, segundo aclarou a concelleira de Facenda.
En canto ao apartado de obras e inversións, o alcalde de Neda apuntou entre as máis importantes os proxectos de saneamento que se levarán a cabo entre o pazo da Merced e a depuradora e o relativo á instalación da rede separativa prevista para a zona do Regueiro, ademais de apuntar a posibilidade de iniciar este ano o “ambicioso proxecto” de eliminación das canalizacións do río Belelle, unha actuación que valorou nun millón de euros.
Alvariño tamén destacou o inicio do parque recreativo Subarreiros -por importe de 151.ooo euros- e a reparación de varias vías de comunicación, con cargo a unha inversión de 132.000 euros, unha partida que o Concello tamén prevé incrementar coas baixas de pasados exercicios e do Plan Único da Deputación, cuantificadas polo alcalde en uns 140.000 euros. Outros gastos significativos tamén contemplados dentro do orzamento do 2018 son os 135. 000 euros para iluminación pública, os máis de 128.000 do servizo de recollida de lixo e os 138.000 da achega do Concello para o tratamento de residuos urbanos. A política social tamén queda reflexada con partidas como os 5.000 euros das axudas á natalidade, os 25.000 das subvencións a integración social e os 20.000 reservados ao plan de emerxencia social, segundo apuntou Ana Rosa Pena.