O alcalde Ángel Alvariño en Adiante Galicia:”Estamos dispostos a cofinanciar o Centro de Día para que as persoas maiores de Neda teñan este servizo”.
O alcalde de Neda, Ángel Alvariño está satisfeito co traballo desenvolvido desde a súa chegada á alcaldía e considera que “estamos no camiño correcto”, agradecendo a lealdade dos seus socios de goberno, BNG e Converxencia Galega.
“Démoslle volta a situación económica e baixamos os impostos, que era unha das nosas promesas electorais” explica Alvariño, que lembrou a situación herdada cunha revisión catastral solicitada polo anterior goberno e “unha subida dun 20 % nos dous últimos anos de goberno do PP”. Foi un dos temas prioritarios:“Anulamos a totalidade da subida e baixamos dous puntos no tipo impositivo porque que era un prexuízo importante para os nosos veciños”.
Melloras en saneamentos e vías de comunicación
Nunha conversa con Adiante Galicia, o alcalde de Neda destacou tamén que se desbloquearan cuestións atrasadas como as axudas ao tecido asociativo:”Puxemos ao día todo o que estaba atrasado. Pagamos catro anualidades de subvencións ás entidades culturais e deportivas que son o verdadeiro motor do noso concello”.
Para Alvariño outro asunto importante foron os investimentos realizados en saneamentos e vías. Neste último caso coa decisión de optar polo aglomerado en quente “salvo en dous casos concretos e por motivos alleos a nós”, e así poder chegar a todo o concello cunha durabilidade nas actuacións.”Chegamos practicamente a todo o concello” sinala o alcalde.
Non se esquece do proxecto de posta en valor do espazo de Subarreiros, con máis de 100.000 euros de investimento, nin tampouco dos referidos ao saneamento como o do camiño do Regueiro ou o do Pazo da Mercede. Ou a mellora da contorna da Fervenza do Belelle ou seguindo en clave turística unha iniciativa “que estamos desenvolvendo no miradoiro de Ancos”.
A xestión económica é outro dos apartados nos que fai fincapé Alvariño:”Somos o primeiro concello de Galicia en presentar a Conta Xeral, cun superávit de máis de 300.000 euros e cun resultado positivo de máis de 785.000 euros de saldo ao noso favor, nun concello no que pagamos en sete días aos nosos provedores”.
Obxectivo: recuperar poboación en Neda
O grande reto global de Ángel Alvariño é “poder recuperar poboación de forma urxente”. Aclara a situación estratéxica do seu municipio e os servizos que se están prestando pero considera que a Xunta debería apoiar máis. A Escola Infantil é unha realidade pero o alcalde non entende “como o Consorcio non asumiu esta escola”. Tampouco porque aínda no se asumiu o Centro de Saúde.
Outro atranco é o Plan Xeral:”O Plan Xeral fíxose con presas e correndo e cunhas directrices equivocadas.Gastáronse 50.000 euros e houbo que rescindir o contrato á empresa. Nós imos aproveitar o que hai feito.Non vai a ser o plan ambicioso que queremos nós, pero a xente quere construír e Neda necesita o plan”.
O concello, disposto a colaborar no financiamento do Centro de Día
Pero sen dúbida un dos grandes retos do concello é o Centro de Día.”Temos máis de 1.600 persoas maiores de 65 anos”. A proposta xa foi trasladada á Xunta, pero Alvariño aposta forte e está disposto a cooperar con fondos propios:”Estamos dispostos a cofinanciar o Centro de Día para que as persoas maiores de Neda teñan este servizo”.
De tódolos xeitos, o rexedor pensa que Neda xa conta con atractivos para vivir. Xunto con todo o anteriormente exposto pon o acento na programación cultural e as distintas actividades, como por exemplo , “o mellor antroido da comarca”, a chegada inminente da fibra óptica, a dotación de contedores, papeleiras, as axudas á natalidade, o sistema de información municipal, a mellora do alumeado, etc..
“Somos o cuarto concello da provincia en gasto en asistencia social aos noso veciños, con fondos propios” engade Alvariño Saavedra, que nos enumera cifras e datos de memoria, moitos deles resumidos por cuestión de espazo pero que son unha mostra do traballo levado a cabo neste concello de Ferrolterra.