8.6 C
Santa Comba
jueves, enero 23, 2025

Xulio Ferreiro:“A única perspectiva de futuro é o entendemento co PSOE»

Entrevista a Xulio Ferreiro, alcalde de A Coruña.

Milagros Lara

Falamos con Xulio Ferreiro no momento máis decisivo do seu mandato. En igualdade numérica co Partido Popular e afastado dos socialistas, as súas propostas para A Coruña dependen de que sexa capaz de volver seducir ao PSOE.

P- A Coruña é esa cidade apocalíptica da que fala a oposición?

R- Non fai falta máis que darse un paseo pola Coruña para ver que non é así. A Coruña é unha cidade dinámica, unha cidade onde hai unha actividade económica moi importante. Cremos poder dicir sen equivocarnos que é o pulmón económico de Galicia e, desde logo, nestes últimos dous anos medrou o emprego, diminuíu a desigualdade e en xeral segue sendo a cidade dinámica que era e cada vez máis

P-Unha visión moi diferente… Dígame logo tres actuacións do seu goberno realizadas nestes dous anos, que estean terminadas e contribuísen a mellorar a calidade de vida da veciñanza 

R- A renda social municipal pode ser o primeiro elemento a ter en conta, perto dun centenar de persoas na cidade que o está disfrutando, e van ser máis nas próximas semanas, porque temos solicitudes pendentes de resolución, co cal se lle está dando alivio á xente na súa vida. 

A  aposta cultural que está facendo o concello da Coruña está aumentando as posibilidades de disfrute de bens culturais na cidade, desde música, teatro, etc. hai tamén alí unha mellora no disfrute e no acceso a determinados bens que se fan en situación de igualdade na cidade. 

Hai moitas cousas, pero seguramente o medrar dos proxectos da fundación EMALCSA que, aínda que non afectan a moita xente cuantitativamente, sí o fan cualitativamente, como son as convocatorias do deporte solidario ou da cultura inclusiva, que están conectando ao tecido cultural e deportivo, por un lado á cidade co tecido social e dándolle oportunidades a moita xente de incluirse na vida da maioría a través do deporte ou tamén de ter acceso á cultura ou á creación incluso, desde lugares onde habitualmente non se facía.

P- Actuacións sen dúbida interesantes, ben é certo que outras, básicas, espertan os reproches dos veciños, como a limpeza. As queixas polo abandono dos barrios, a falta de limpeza e a proliferación de ratas, por exemplo. É un discurso afastado da realidade? Menten os veciños? Ou somos os medios como dixo a concelleira de Medio Ambiente María García? Porque a falta de limpeza é un asunto recorrente nos Dillo ti …

R- Supoño que haberá veciños que se queixan e outros que non. Opinións para tódolos gustos sempre hai. Despois cada un lle da voz a quen lla quere dar. Creo que nestes momentos os contratos de limpeza pública son os mesmos que os que había, nas mesmas condicións, é certo que están ao final da súa vida útil co cal a partir do ano que ven co novo contrato de limpeza viaria vamos ver unha mellora na cidade, unha mellora non só nestes dous anos, senon nos cinco anos anteriores.

Ao mesmo tempo pouxemos en marcha e se verá a partir do mes que ven, un programa que é Ao pé de barrio de coidado dos barrios, onde cada mes vai haber unha actuación intensiva en cada un dos distritos da cidade e empezaremos no mes de xuño en Montealto e Cidade Vella. Cada mes, haberá un repaso en conciencia e agardemos que así a percepción poda mellorar. Eu creo que, seguramente máis que unha cuestión obxectiva é unha cuestión de percepción.

P-Fala vostede da posta en marcha dun programa de barrio e do novo contrato do servizo de limpeza como dúas actuacións que van mellorar a limpeza da cidade. Son a  consecuencia do feedback negativo recolleito? Desa percepción dunha cidade pouco limpa que teñen os coruñeses?  

R- Non. Hai un contrato que remata a súa vida e responde a unha cidade de hai dez anos. No seu momento, cando acaba un contrato, hai que facer un novo e hai que adaptalo á realidade actual e iso, por sí mesmo vai ser unha mellora. As demandas que hai nos barrios, no Dillo ti son de todo tipo, é certo, demandas recorrentes, son temas como os problemas de convivencia entre os cans e as persoas, ou de si os cans fan as súas deposicións en lugares onde non deben. Iso é recorrente, este ano, o pasado, hai cinco e hai dez.

Hai cousas que sempre son recorrentes, claro. Penso que hai dúas actuacións importantes como son o novo contrato de limpeza e as actuación nos barrios que van mellorar a percepción da xente con respecto á limpeza.

P- Cales son as prioridades do seu goberno para o concello a curto plazo?

R-Hai grandes retos neste mandato nos dous anos que nos quedan, o primeiro deles é o que ten que ver coa construcción da área metropolitana, o segundo ten que ver coa fachada marítima e coa incorporación dos terreos portuarios á cidade, e o terceiro a que ten que ver coa mobilidade e o espazo público. Estes son os tres grandes retos que como tales os lanzamos ao principio deste ano como os grandes retos daquí ao final do mandato.

P- Nomeou tres asuntos prioritarios para vostede, falamos deles? Alcalde, vostede fixo unha rolda de contactos coa oposición para chegar ao consenso nestes temas. Que foi despois daquelas fotos? Avanzan as negociacións?

R- Hai toda a vontade nosa para contar cos outros grupos nestes asuntos pero non sempre vemos a mesma vontade polo outro lado. No tema da área metropolitana, claramente o Partido Popular está boicoteando a construcción da área metropolitana da Coruña. Parece que o que sí valía para o PP no caso de Vigo non vale para o caso da Coruña, iso o terá que explicar o partido Popular,  por qué. E o partido socialista ten unha indefinición sobre o asunto. Como noutros temas, estamos a agardar, novamente, a que o partido socialista se defina e arranxe  os seus problemas internos e empece a mirar cara a fóra, que é o que estamos a esperar todos. 

P– E na mobilidade?

R- Pasa un pouco o mesmo no tema da mobilidade. O Partido Popular non quere chegar a acordos ou só quere chegar a acordos en base aos seus proxectos, non en base  a puntos de consenso, e novamente estamos agardando  polo partido socialista a que se nos resposte a ese pacto que se lle achegou, un borrador do pacto, para poder sácalo para adiante. Nós, mentres imos facendo outras cousas.

P- Pola contra en canto á fachada marítima, parece que todos os partidos políticos teñen máis puntos en común… 

R- Si. É certo que no tema da fachada marítima hai algo máis de consenso no sentido de negociar unhas bases con Portos do estado. Consenso que nós cremos que consistíu en achegarse ás nosas posturas. O que era unha postura residual a principios do mandato hoxe é un sentir común na cidade, é dicir, a necesidade dunha titularidade pública e dunha xestión pública deses terreos. Co cal, si se acada ese consenso, veremos, despois si ese consenso sobre os grandes perfiles dá solución, podemos chegar á práctica nel.

P- Repetíu varias veces que está á espera das respostas do PSOE. Que está a facerlle as beiras aos socialistas?

R– [Rí] Non. Eu creo que sería bo que houbera un entendemento de aquí ao final do mandato co partido socialista. Non é nin facer as beiras nin deixar de facer, é partir do sentido común de que as mesmas forzas que votamos nun sentido na investidura deberíamos poder ter un entendemento regular. 

Ata o de agora non foi así, non foi posible. Seguramente haxa elementos ou razóns en todas as partes. Un sempre tende a pensar que son os outros os que faian máis pero seguramente os outros pensen que somos os úns. En todo caso é unha discusión estéril. A discusión é cómo podemos chegar a consensos básicos e a acordos básicos de aquí ao final da lexislatura. Porque o que non pode ser é que quen che votou para ser alcalde, faga sistemáticamente unha oposición non construtiva.

P-Ten que ver cunha falta de confianza polas dúas partes? 

R- Si, ten que ver con moitas cousas. Falta de confianza, non sei si deslealdade… Eu creo que sí hai falta de confianza.  Creo que cando houbo pasos para adiante, de seguido houbo falta de confianza e pasos para atrás e se complicou a cousa. E tamén penso que a situación interna do partido socialista non axudou ou non axuda, pero creo que a única solución e a única perspectiva de futuro, incluso se falamos dos seguintes mandatos, ten que ver cun entendemento entre as forzas que estamos no ámbito da esquerda, creo que non hai outra solución.

P-As cousas non son doadas ao estaren en minoría e agora co maior afastamento do PSOE, visualízase máis a súa soidade. As cousas están máis difíciles que hai dous anos?

R- Non. As cousas están sendo igual de difíciles en todo momento. Nunca houbo máis aló de acordos puntuais co Partido Socialista que nos permitiron sacar cousas en torno a proxectos concretos. Non fumos quen de sacar en dous anos ningún orzamento en conxunto, e é o momento principal, onde nun goberno se lle ve si ten apoio ou non ten apoio. Pois nunca tivemos o apoio do Partido Socialista que sempre se puxo do lado do Partido Popular. Creo que non sería bo que seguísemos así.

P- Falabamos antes da mobilidade. O camiño para acadar un modelo de cidade máis peonil, menos dependente do transporte privado, máis sustentable en definitiva, precisa dun transporte público eficiente e da dotación de aparcadoiros, entre outras cousas. Máis aló do discurso teórico, como vai articular isto?

R- Un sistema de mobilidade se monta cun conxunto de elementos que ten que casar entre sí, que ten que casar a peatonalización das rúas co calmado do tráfico, que ten que casar coa ordenanza da ORA, ten que casar coas tarifas dos parkings públicos, que ten que casar efectivamente con que haxa aparcamentos na periferia da cidade e posibilidades de transporte público desde a periferia á cidade, hai moitas  cousas. Hai que incluir vías segregadas para o trafico na Coruña, certo que hai que ver en qué momento se vai mover cada unha das pezas dese sistema de mobilidade. 

Unha peza illada nunca compón un sistema. Penso que é o que fallou na Coruña ata este momento, incluso ao final do mandato anterior se diseñou e se abríu un aparcadoiro disuasorio que creo que non formaba parte dun plan real ou ben ese plan non se consiguíu lanzar, que era, en todo caso o Plan de mobilidade do Partido Popular. Nós o que temos é que compoñer un sistema que teña moitas pezas e que se toquen todas esas pezas e iso é o que está no pacto pola mobilidade que lle propuxemos aos outros grupos e agardo que sexa o que poidamos sacar adiante.

Nós agora mesmo estamos a piques de asinar, unha vez aprobados os orzamentos, o convenio de colaboración coa Agència d’Ecologia Urbana de Barcelona. Iremos coa Agència d’Ecologia Urbana de Barcelona e co resto dos grupos vendo os diferentes camiños a tomar dentro da aplicación dese pacto pola mobilidade. 

P- Un sistema de mobilidade, como ven de dicir vostede,  precisa dun transporte público que chegue ao centro urbano. Dame preguiza falar disto pero é que me deitei coas súas afirmacións de que non hai bloqueo no metropolitano e almorcei coas súas declaracións de que si hai bloqueo pero que é por parte da Xunta… Parafraseando as súas verbas falando do PSOE: unha discusión estéril e o importante é a intención de chegar a acordos para á solución do problema, nonsí?

R- Intención había desde o primeiro día cando nós dixemos que estabamos dacordo. O que queriamos era establecer unhas fases, uns mecanismos de avaliación desa implantación e a posibilidade de redefinir a implantación sempre contando co concello da Coruña. A Xunta de Galicia di que non a iso que me parece de lóxica, é dicir, que poidamos desde o concello da Coruña controlar que iso se fai co sentidiño necesario para que non se causen problemas graves de tráfico na cidade da Coruña. Creo que iso é de sentido común, que todo o mundo o entende.  Temos o apoio do resto dos concellos da área metropolitana, que están tan interesados ou máis que o concello da Coruña. 

E sobre todo, o que queremos é levar a discusión a un escenario bastante máis ambicioso que o de se os buses entran un pouco, moito ou nada, senon de ter unha verdadeira rede de transporte metropolitano na comarca na área metropolitana. Agora o que vemos é que a Xunta ten esa visión absolutamente, si se me permite, do século pasado do transporte, de sacar concesións de liñas soltas e non conformar unha verdadeira malla do transporte que é o que se está pedindo desde os dez concellos da área metropolitana da Coruña.

Eu creo que desde o primeiro momento tentamos ser todo o colaboradores posibles coa Xunta de Galicia, pero claro, chega un momento en que hai que dicir “Basta!” e ese “basta” chega cando un leva tres meses tentando reunirse coa conselleira e a conselleira o remite a foros amplos de vinte ou trinta concellos. Ou cando leva un mes tentando, xa que a conselleira non ve ben reunirse cos dez alcaldes da área metropolitana da Coruña, pois que nos reciba o presidente da Xunta e tampouco temos contestación.

Por tanto, mentres iso non se desbloquee o outro non se pode facer. Simplemente creo que iso non é ningunha liberdade política nen nada, é  simplemente velar polos dereitos de mobilidade dos cidadáns da área metropolitana da Coruña.

P-Vostede falou moitas veces da necesidade de recuperar para o concello a xestión dos servizos municipais. A Coruña  ten privatizada a xestión de moitos servizos, entre eles as bibliotecas. Descartou a súa remunicipalización? 

R- Eu pensó que é posible. Nós temos unha folla de ruta que se pactou cos outros grupos o que pasa é que despois veu un informe do secretario xeral que dificulta enormemente a subrogación dos traballadores. Agora estamos intentando buscar a vía para que efectivamente podamos internalizar ese servizo e asegurarnos que eso non provoca un conflito laboral, que non sexa deixar a sesenta traballadores fóra, e ademáis coas dificultades de contratación que hai nestes momentos. Polo tanto para nós é importante remunicipalizar as bibliotecas, creo que o podemos facer incluso con todas as dificultades que hai,  pero iso nunca se fará a costa dos traballadores.

P- Algún servizo máis a remunicipalizar de aquí ao fin do mandato? 

R- Primeiro imos rematar con este proceso das bibliotecas e despois imos ver si é posible acometer outras municipalizacións.

P- Para terminar alcalde, hai algunha cousa que lle gustaría facer antes de finalizar o seu mandato e que pense que non poderá? 

R- Eu agardo que todos os proxectos que temos nestes momentos en marcha queden encauzados durante o  primeiro mandato e moitos poidamos rematalos no segundo mandato, que sería o ideal. Efectivamente eu penso que podemos ter neste mandato un proxecto de área metropolitana da Coruña si todo o mundo rema a favor, esto é indispensable. Nós estamos remando moi a favor e sería bo que o resto das administracións o fixesen e todos os concellos da área metropolitana o fixesen, como penso que é a súa intención. 

No caso do porto podemos deixar encauzada a cuestión, desde logo non rematada, nin sequera nin en dous nin en tres nin en catro mandatos, porque estamos falando de algo a moi longo plazo, pero sí deixar sentadas unhas bases diferentes as actuáis.

Precisa consenso pero tanto no modelo de mobilidade e espazo público como no porto é o momento de sentar as bases para un modelo que ten que sobrevivir aos anos de goberno. Iso é o que pasou noutras cidades e sempre se repite o caso de Vitoria, onde hai un  modelo claro de mobilidade e ese modelo resistíu polo de agora tres gobernos de tres cores diferentes.

Esa é un pouco a idea e por iso estamos a plantexar ese pacto de mínimos en base ao transporte público, á calma do tráfico, á restricción no uso no centro dos barrios do automóbil privado, e a esa adecuación do espazo público a unha cidade máis amable e máis humana.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,070SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos