Xulio Ferreiro lamenta que a oposición coruñesa “non está afeita a construír”.
Cristóbal Mourín
Mobilidade, porto e área metropolitana
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, márcase tres grandes pactos para o que resta de lexislatura. Un deles é o referido a “un cambio de modelo de mobilidade” baseado na necesidade de “darlle un pulo ao transporte urbano” e sen esquecer a necesidade de mellorar as conexión ferroviarias con Ferrol ou Lugo e tamén “rematar a conexión” do AVE.”É importante ter trens de cercanías competitivos”dixo Ferreiro.
Nunha entrevista no programa “Galicia por Diante” da Radio Galega, o rexedor coruñés sinalou unha segunda prioridade, a do porto.”O camiño é a xestión pública deses terreos”asegurou. Insistiu en que é un asunto fundamental porque “estámonos xogando o futuro da cidade” e agarda que este mesmo ano se poida chegar a un acordo.
O terceiro “gran pacto” é o da construción da área metropolitana. Destaca o “gran consenso” que existe e desexa que haxa unha aposta firme por parte das administracións.
“Foi moi complicado establecer unha relación de confianza co PSOE”
Da administración central lamenta, por exemplo, que nos orzamentos xerais non houbera “unha aposta polo aeroporto de Alvedro cando o crecemento nestes primeiros meses de ano foi espectacular”.
Xulio Ferreiro volveu a recriminar a postura do Partido Socialista e pensa que “habería que ter máis facilidade para chegar a acordos”, destacando que “foi moi complicado establecer unha relación de confianza co PSOE”. Tamén incidiu que neste tempo quedou demostrado “que non hai ningunha alternativa real ao noso goberno” e que a oposición “non está afeita a construír”.
Ferreiro lembrou que froito da cuestión de confianza “ O PP e o PSOE tiveron un mes e foron incapaces de chegar a un acordo” polo que a súa reflexión é a seguinte:“Non hai unha alternativa ao noso goberno pero tampouco unha receptividade a hora de desbloquear situacións que poidan axudar a que a cidadanía vexa resultados na acción de goberno”
Sobre a situación de En Marea, Ferreiro mantén a súa visión crítica xa que entenden que a nova coordinadora “deixou fora a sensibilidades moi importantes” e iso é “o que pon en risco o proxecto inclusivo, integrador e amable para todo o mundo”.