O Dillo Ti parou este pasado fin de semana no barrio da Sagrada Familia, no local da antiga igrexa, con moita xente pero menos calor para a Marea.
Erik Dobaño
O Dillo Ti é un programa ben intencionado, caro e pendente de avaliar. Ten a virtude de colocar ao alcalde e ás concelleiras e concelleiros diante da veciñanza. Mais despois de un ano, inda non está claro que sirva para achegar á xente ás institucións nin viceversa. Quizá estea pedindo unha pensada. Porque o esforzo que esixe ao goberno municipal é grande: os sábados pola mañá son un bo día para case todo o mundo, mesmo para políticos en campaña permanente, pero non para os responsables da xestión da cidade que precisan máis descanso do que teñen.
Despois dun ano, o Dillo Ti semella esgotado, unha promesa de participación e recoñecemento mutuo que non se cumpre e fica nunha actividade formal máis que reúne a uns (cidadanía) e outros (representantes) na mesa sala mais non crea un espazo común.
Sucedeu este sábado na Sagrada Familia, no salón de actos do Centro Social, onde até 1989 se celebraban as misas da parroquia, o edificio que articulou durante anos a vida social da veciñanza. Un lugar respectable porque sempre estivo aberto a todas, mesmo nas mans de todos. O Dillo Ti xuntou un cento de persoas, moita xente maior, pero tamén xuventude. Xente atenta e que presta atención, agradecida pola oportunidade, que seguiu ao pé da letra as indicacións para participar.
Co alcalde e as concelleiras diante, salvo a de Xustiza Social que tivo que ausentarse, tomando notas das demandas, que foron saíndo coma nunha salmodia triste: non temos parque infantil, hai que poñer bolardos porque acotío os coches aparcados impiden camiñar polas beirarrúas, as rúas están sucias, aquel coche escoba tarda cada vez máis en pasar, quitáronnos bancos e papeleiras, paredes de edificios públicos están cheos de pintadas (“é denigrante”), nalgúns sitio habería que pintar novos pasos de peóns, hai moitos edificios sen ascensores e con dificultades para instalalos, habería que podar máis algunhas árbores en determinadas rúas, tamén aquí hai veciños esperando por licencias de obra, o comercio está moi morto.
Na Sagrada os veciños acudiron ao acto da Marea pero non houbo calor nin conversa. Todas as demandas da veciñanza recibiron a mesma resposta: falámolo logo, facémolo pronto.
Neste barrio os problemas concretos, os que saltan á vista, son similares aos de calquera barrio empobrecido durante crise. Pero na Sagrada hai problemas fondos para os que a Marea, e pode que ninguén hoxe nesta cidade, teña solucións. Algunhas veciñas falaron deles abertamente. Merecían outra resposta distinta, outra sensibilidade. Quizá o Dillo Ti no sirva para iso. Como mecanismo de relación entre gobernadas e gobernantes está tocando os seus límites.