Edición Costa Ártabra. Unha resposta a gran repercusión do noso xornal nesas comarcas coruñesas.
Unha zona con moita repercusión para Adiante
Este vindeiro luns 13 de marzo, Adiante Galicia da un paso máis no seu proxecto xornalístico, coa posta en marcha dunha edición propia para as comarcas da Coruña, Betanzos, Ferrolterra, O Eume e Ortegal.
Desde ese día contaremos coa sección “Costa Ártabra” dentro do noso xornal.Este novo reto nace da resposta ao gran número de lectores que o noso xornal ten neses concellos da provincia coruñesa.
“Entre todos estamos construíndo algo realmente importante”
O director de Adiante Galicia e da editora Elven Comunicación, Xosé Manuel Lema, recoñece que “non é un esforzo pequeno, pero supón un paso máis no crecemento dun medio que conectou con Galicia desde o seu nacemento e que encontrou nesas comarcas o apoio de moitos lectores”.
Lema quixo enviar unha mensaxe de agradecemento a tódalas persoas que “colaboran connosco como lectores, compartindo as nosas noticias nas redes sociais, como informadores desde os seus pobos e tamén os anunciantes que apoian este compromiso coa información plural”.
“Entre todos estamos construíndo algo realmente importante” sinalou o director de Adiante.Na actualidade, xunto coa súa edición xeral, Adiante contaba cunha edición propia para a Costa da Morte.
Para contactar con Adiante Galicia contacto@adiantegalicia.es



