O político e economista Xosé Manuel Beiras Torrado faleceu ós 90 anos de idade na súa casa do concello de Brión. Histórico referente do nacionalismo galego foi líder durante anos do BNG e de Anova é autor de diversos ensaios. Un nome propio na historia do país.
Fontes de Anova-Irmandade Nacionalista informaron que a capela ardente instalarase no Museo do Pobo Galego este venres 9 de outubro a partires das 12h e arredor das 16h celebrarase un acto cívico. Posteriormente será soterrado no cemiterio de Boisaca en Santiago de Compostela. Biografía de Xosé Manuel Beiras na Wikipedia.
O seu pasamento motivou múltiples reaccións.

“Xosé Manuel Beiras marcou as últimas décadas da vida política de Galicia e intentou aportar o mellor de si mesmo, sen deixar a ninguén indiferente. Todo o meu afecto á súa familia. O nacionalismo galego perde, sen dúbida, un referente” sinalou o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón “Beiras deixa unha gran pegada en varias xeracións de galegos e galegas, entre as que me inclúo” sendo “un referente de coraxe, compromiso e amor por Galiza”.

Pata secretario xeral do PsdeG, José Ramón Gómez Besteiro, foi “sen dúbida, unha das grandes figuras da política galega, cunha pegada fonda na historia do noso país.Un intelectual comprometido, cunha voz propia, crítica e sempre inconformista”.

E desde Anova destacan que “O Beiras tivo mil vidas e, en cada unha delas deixou unha profunda pegada, non só en quen o rodeaba senón en todo un país”. Martiño Noriega publicaba un emotivo artigo en El Diario.es e outro dos seus máis cercanos colaboradores, Antón Sánchez escribía en X:”Deixa un baleiro imposible de encher. Fóisenos un referente,un mestre,un irmán. A historia resèrvalle un sitio sobranceiro entre os loitadores ao servizo dunha Galiza liberada e dun mundo máis xusto”.




