O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou este mércores no Parlamento Europeo, en Bruxelas, no encontro «Celebra a diversidade lingüística en Europa con Google». A cita foi organizada pola empresa tecnolóxica con motivo do Día Europeo das Linguas, que se conmemorou o pasado 26 de setembro.
Segundo informou a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, García destacou «o papel fundamental que teñen as tecnoloxías e o eido dixital no uso e prestixio de todos os idiomas, tamén do galego».
Plan Xeral de Normalización
O responsable galego referiuse ao novo Plan xeral de normalización da lingua galega, que se aprobará a vindeira semana no Parlamento de Galicia. Segundo lembrou, o texto «fai especial fincapé en impulsar a presenza da lingua nas plataformas e ferramentas dixitais, sobre todo naquelas máis utilizadas hoxe en día polas xeracións máis novas para comunicarse e buscar información».
García indicou que entre as medidas «para prestixiar a lingua e o seu uso social prestamos especial atención ás novas formas de interacción entre a mocidade, que están a substituír a tradicional transmisión xeracional no núcleo familiar».
Declaracións de Valentín García
O secretario xeral tamén mencionou o Proxecto Nós, impulsado pola Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela para incorporar o galego ás linguaxes dixitais. Segundo a Consellería, a iniciativa foi citada na xornada como exemplo de boas prácticas.
O obxectivo, indicou García, é «seguir ampliando os principais eixos de traballo en tradución automática, modelos de linguaxe e tecnoloxías da fala».
Ao abeiro do proxecto ofrécense recursos de libre acceso para terceiros. Segundo explicou García, iso permite que empresas, institucións e organizacións, públicas e privadas, desenvolvan produtos e servizos baseados no galego. O Día Europeo das Linguas céntrase na diversidade lingüística como valor cultural, social e institucional de Europa.



