O voceiro da Plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, advertiu durante unha entrevista en Radio Xallas de que o sistema sanitario galego afronta unha situación que cualificou de especialmente preocupante e acusou a Xunta de Galicia de impulsar un proceso de deterioro da sanidade pública para favorecer o crecemento da asistencia privada.
«É unha situación moi complicada que, se non hai un cambio, pode ser crítica». Na súa análise, responsabilizou directamente a Administración autonómica e asegurou que «A Consellería de Sanidade está a apostar por un desmantelamento puro e duro da sanidade pública».
Intereses privados
Martín sostivo que detrás desta evolución existen intereses económicos. Neste sentido afirmou que «hai que seguir sempre a ruta do diñeiro para comprender por que ocorren as cousas que ocorren», ao considerar que a sanidade pública representa unha elevada porcentaxe do gasto público e que iso converte o sector nunha oportunidade empresarial.
Segundo indicou, «temos unha sanidade moi boa e moi eficiente», pero engadiu que para abrir espazo ao sector privado «o que hai que facer é ir pouco a pouco desmantelando a sanidade».
Segundo explicou, os recortes iniciados en 2008 reduciron progresivamente o investimento sanitario e a substitución de profesionais xubilados, o que, ao seu xuízo, provocou unha perda de capacidade do sistema público. Na súa opinión, estas políticas tamén se aplican noutras comunidades autónomas dentro dunha estratexia de colaboración público-privada.
Atención Primaria
O portavoz da plataforma asegurou que a Atención Primaria é o ámbito máis afectado e advertiu de que a falta de recursos repercute no funcionamento do conxunto da asistencia sanitaria. «O principal problema que temos agora é a Atención Primaria», afirmou, ao tempo que defendeu un incremento do investimento neste nivel asistencial.
Desde a plataforma relacionan a perda de persoal e de financiamento co incremento das listas de agarda e amósanse críticos coa contratación de seguros privados como alternativa. Ao respecto advertiu de que «imos mal xa que o seguro privado non cobre realmente as necesidades sanitarias», ao entender que os casos máis complexos continúan recaendo sobre a sanidade pública.
Durante a entrevista tamén chamou á participación cidadá nas mobilizacións convocadas en distintos puntos de Galicia para reclamar cambios na política sanitaria e explicou que a Plataforma SOS Sanidade Pública traballa para informar a poboación sobre a situación do sistema. Na súa intervención concluíu que, malia o escenario descrito, «hai oportunidade e podemos solucionar o problema», apelando á implicación da cidadanía na defensa da sanidade pública.

