A Garda Civil desartella unha organización criminal especializada en estafar establecementos hostaleiros mediante o coñecido método do «corte da luz». A operación LIGHTCALL permitiu esclarecer oito delitos cometidos contra bares, restaurantes e cafeterías das localidades de Boiro, Muros, Santa Comba, Padrón, Noia e Muxía.
A investigación foi desenvolvida polo Equipo @Milladoiro da Comandancia da Garda Civil da Coruña e iniciouse o pasado ano tras detectarse varios casos coa mesma forma de actuación. Os estafadores recompilaban previamente información dos negocios e chamaban aos responsables facéndose pasar por empregados da compañía eléctrica. Durante a conversa advertían dunha suposta débeda pendente e ameazaban cun corte inmediato da subministración se non realizaban un pagamento urxente. As chamadas efectuábanse, ademais, nas horas de maior actividade dos locais, coincidindo co servizo de comidas, para aumentar a presión sobre as vítimas.
Unha detención en Vigo
Segundo a Garda Civil, unha vez recibido o primeiro ingreso, os delincuentes intentaban obter novos pagamentos alegando erros na operación ou a necesidade de repetir a transferencia. A operación permitiu identificar a estrutura do grupo e investigar cinco persoas nas provincias de Almería, Cádiz, Xirona e Málaga, ademais dunha detención en Vigo. En total, seis persoas resultaron implicadas.
O importe total das estafas ascende a 10.951 euros, dos que xa foi posible recuperar 2.600 euros para as vítimas. As dilixencias foron remitidas ao Tribunal de Instancia e Instrución de Muros. A Garda Civil recomenda aos empresarios verificar sempre calquera requirimento de pagamento contactando directamente coa compañía subministradora a través das súas canles oficiais e denunciar de inmediato calquera intento de fraude.

