O Consello da Xunta aprobou este luns o proxecto de trazado da futura variante de Carballo, unha actuación que contará cun investimento estimado superior aos 22 millóns de euros e que permitirá mellorar a conexión do polígono industrial de Bértoa coas principais vías de comunicación da comarca.
A nova infraestrutura concíbese como unha vía de circunvalación polo leste do núcleo urbano co obxectivo de canalizar o tráfico de medio e longo percorrido, especialmente o vinculado á actividade industrial, cara ás estradas AC-413 e DP-1914, facilitando as conexións con Ordes, Santiago de Compostela e a N-550 sen necesidade de atravesar o centro da vila.
Segundo destaca o Goberno galego, a actuación contribuirá a reducir a presenza de vehículos pesados na trama urbana de Carballo, especialmente en zonas próximas ao instituto Alfredo Brañas, ao CEIP Fogar e ás instalacións deportivas municipais.

Novo trazado
O proxecto contempla unha estrada de novo trazado de algo máis de 3,6 quilómetros de lonxitude, dividida en dous treitos. O primeiro terá arredor de 2,85 quilómetros entre a AC-552 e a AC-413, mentres que o segundo contará con 800 metros entre a AC-413 e a DP-1914. A vía disporá de dous carrís de circulación, beiravías e bermas, cunha velocidade de proxecto fixada en 80 quilómetros por hora.
Entre as principais estruturas previstas figuran un viaduto de 340 metros sobre o río Anllóns, dous pasos superiores, un paso inferior, un muro de contención e un marco para o rego Añón. Ademais, construiranse dúas novas glorietas de 60 e 70 metros de diámetro nas conexións coa AC-413 e coa DP-1914.
A aprobación definitiva do trazado leva aparellada a declaración de utilidade pública da actuación. O seguinte paso será a redacción do proxecto construtivo que permitirá avanzar cara á execución das obras desta infraestrutura chamada a mellorar a mobilidade e as comunicacións no municipio de Carballo.

