A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu este martes a inauguración do obradoiro de emprego ‘CAMUVI Forestal’, unha iniciativa compartida polos concellos de Vimianzo, Muxía e Camariñas que conta cun investimento autonómico de 501.000 euros. O programa mixto de formación e emprego capacitará a 20 persoas desempregadas de dita zona.
A representante do Goberno galego detallou que os alumnos recibirán formación teórica e práctica remunerada cun contrato de aprendizaxe. O alumnado poderá obter certificados de profesionalidade en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes, limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, e montaxe de mobles e carpintaría.
Entre as actuacións programadas destacan a reparación de pasarelas de madeira nos accesos ás praias de Muxía, tarefas de desbroce e xestión de biomasa en Vimianzo, e o mantemento de rutas turísticas coma a Vía Mariana e o Camiño dos Faros. Así mesmo, realizaranse traballos de carpintaría, pintura e limpeza técnica de instalacións municipais e mobiliario urbano nos tres municipios.

Do Campo subliñou que estes programas constitúen “unha rede moi potente de formación presente en toda Galicia, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade e ofrecer oportunidades reais a quen máis o precisa”. A delegada sinalou que os alumnos «están a construír o seu futuro mentres traballan e aprenden» en sectores de alta demanda.
Esta intervención inscríbese na convocatoria anual da Consellería de Emprego, que este ano financiará en Galicia un cento de obradoiros cun orzamento global de 48,1 millóns de euros para uns 2.000 beneficiarios. Na provincia da Coruña executaranse 20 obradoiros cun investimento de case 10 millóns de euros para 400 alumnos, incluíndo tres programas específicos na comarca de Bergantiños-Costa da Morte cunha contía de 1,5 millóns de euros.
O acto tamén contou coas alcaldesas de Vimianzo e Camariñas e o alcalde de Muxía.

