Romaría do Pino con 4.500 asistentes segundo a organización, nunha xornada calurosa, coa presencia de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda.
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, apelou este sábado ao modelo da denominada “Galicia do si” e reivindicou ao líder nacional do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, como o presidente “que España necesita”, durante a tradicional Romaría Popular do Pino, que reuniu arredor de 4.500 asistentes na Área Recreativa da Magdalena, segundo a organización.

Alfonso Rueda pide “limpeza, decencia, dirección e sentidiño”
Na súa intervención, Rueda definiu Galicia como unha “illa de normalidade” fronte ao que cualificou de “disparate” e “loucura” da política estatal. O líder dos populares galegos asegurou que España precisa “limpeza, decencia, dirección e sentidiño” e expresou o seu desexo de que Feijóo lidere un futuro cambio político no Goberno central.
Rueda destacou ademais diversas actuacións impulsadas pola Xunta, facendo referencia aos servizos públicos, á construción de vivenda, á educación e á captación de investimentos internacionais. Neste contexto, puxo como exemplo a decisión do grupo chinés SAIC de instalar en Ferrol a súa primeira fábrica europea de vehículos eléctricos. Segundo indicou, esta elección responde á confianza que os investidores depositan en Galicia.
Durante o acto, o presidente do PPdeG tamén reclamou que a reforma do sistema de financiamento autonómico sexa debatida entre todas as comunidades autónomas. “Galicia non quere quitarlle nada a ninguén, pero a Galicia ninguén lle vai quitar nada”, afirmou, insistindo na necesidade dun reparto equitativo dos recursos.
Así mesmo, criticou a posición do BNG, ao que acusou de opoñerse “a todo por sistema”, e contrapuxo esa actitude ao modelo que, segundo defendeu, representa o Executivo galego.

Diego Calvo valora o poder de convocatoria do PP coruñés
Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, definiu a romaría como unha “demostración de forza, de unidade” dun partido “vivo, mobilizado, preparado e activado”. Tamén reivindicou o traballo dos alcaldes populares e contrapuxo o seu modelo de xestión ao que cualificou como unha etapa marcada por “escándalos, escusas e xustificacións”.

Feijóo promete unha rexeneración política en España
Pola súa parte, Alberto Núñez Feijóo comprometeuse a impulsar unha “rexeneración política, institucional e moral” en España e asegurou que o país necesita recuperar a confianza nas súas institucións. O presidente do PP defendeu a igualdade de todos os españois a través dun novo sistema de financiamento autonómico acordado entre todas as comunidades e reiterou que “o que é de todos débese falar entre todos”.
Durante a súa intervención, Feijóo sostivo que España necesita dirección política, capacidade de xestión e unha atención prioritaria aos problemas reais da cidadanía. Referiuse, entre outras cuestións, á vivenda, á situación económica das familias, aos servizos públicos e á inmigración. Tamén se comprometeu a promover unha profunda renovación institucional e a esixir responsabilidades políticas onde corresponda.
O líder popular afirmou ademais que traballará para que “en España volva merecer a pena traballar” e asegurou que o país precisa un cambio “profundo, sereno, honesto e con valores”. Finalmente, reivindicou o Partido Popular como un espazo de encontro para a maioría dos cidadáns e concluíu que España “necesita máis puntos de encontro e menos muros”.


