A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou no Parlamento de Galicia que a Xunta prevé sacar a concurso a concesión de novos dereitos mineiros sobre explotacións cuxo período de actividade xa caducou, entre elas as minas de Varilongo, Corcoesto e San Finx, todas elas obxecto de polémica polas súas implicacións ambientais.
Durante a súa comparecencia, Lorenzana defendeu que Galicia atópase nunha “posición de oportunidade que non se pode ignorar”, ao concentrar 18 dos 24 materiais considerados críticos pola Unión Europea. Neste contexto, apostou por un modelo mineiro “ordenado” e “sostible” e avanzou que o Executivo galego prevé convocar neste exercicio unha nova quenda de concesións, tras os primeiros concursos lanzados o ano pasado despois de catorce anos sen actividade neste ámbito.
Segundo explicou, o obxectivo é atraer operadores “con solvencia técnica e financeira” e proxectos orientados ao medio e longo prazo. Entre as explotacións incluídas figuran a extracción de ouro en Corcoesto, nos concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco; wolframio e estaño en San Finx, no municipio de Lousame; e unha explotación de wolframio en Santa Comba, que afecta a varios concellos da contorna.
En total, sairán a concurso máis dun cento de dereitos mineiros en Galicia, que inclúen materiais comúns como caolín, arxila, cuarzo, feldespato ou granito, ademais de recursos considerados estratéxicos como litio, tantalio ou cobre. Lorenzana destacou a intención de converter Galicia nunha “referencia” neste sector e situar a comunidade nunha posición relevante no contexto europeo.
A conselleira defendeu que renunciar a estes recursos implicaría depender de terceiros países que non aplican os mesmos estándares ambientais e sociais, e estimou que o conxunto de proxectos podería mobilizar arredor de 7.000 millóns de euros e xerar ata 250 empregos directos, ademais de plans sociais asociados ás explotacións.

Críticas da oposición
A oposición reaccionou con críticas. O BNG acusou á Xunta de favorecer intereses de empresas de capital foráneo e advertiu de problemas en proxectos anteriores como Penouta e Muras, denunciando unha política de “descapitalización” do territorio.
O deputado Brais Ruanova citou varios “proxectos incumpridos”, a “parálise eólica” e outros proxectos “totalmente paralizados”, como o hub do hidróxeno verde, para reprochar unha mala planificación por parte do Goberno galego.
Pola súa banda, o PSdeG cuestionou a planificación industrial do Executivo e a ausencia dun modelo claro de desenvolvemento eólico. A deputada Patricia Iglesias lamentou que non exista un plan sectorial mineiro aprobado e referiuse aos “incidentes” rexistrados na Penouta, Touro, San Finx ou Monte Neme, “mesmo con dilixencias penais”, para criticar a xestión autonómica.
Rubén Lorenzo: “O mantra é sempre o mesmo”
O PPdeG defendeu a actuación da Xunta e asegurou que Galicia se sitúa entre as comunidades con maior crecemento industrial, acusando á oposición de manter unha postura contraria a calquera iniciativa que implique investimento e creación de emprego.
O deputado Rubén Lorenzo afirmou que “o mantra é sempre o mesmo” e criticou a incoherencia da oposición, que, ao seu xuízo, dí que defende o país pero prefire que a madeira galega “se transforme fóra de Galicia”.

