Alfonso Villares afirmou este xoves que quere deixar atrás unha etapa na que sufriu un dano “irreparable” e reclamou “unha reflexión e unha desculpa” a quen, ao seu xuízo, non respectou a súa presunción de inocencia, tras coñecerse o arquivo definitivo da causa xudicial aberta contra el.
Nunha comparecencia celebrada en Santiago de Compostela, Villares sinalou que a acusación non presentou recurso contra a resolución da Audiencia Provincial da Coruña, polo que o auto xa é firme.
O exconselleiro dimitira en xuño de 2025 despois de ser investigado como suposto autor dunha agresión sexual. Porén, a sección primeira da Audiencia confirmou o pasado 7 de abril que non será procesado por falta de indicios, ratificando así a decisión previa dun xulgado de Ferrol.
«Dous xulgados distintos, unha xuíza, tres maxistrados e o propio Ministerio Fiscal din todos o mesmo que eu dixen: que a acusación carecía de calquera tipo de fundamento e que non existía base ningunha para procesarme»
Durante a súa intervención, Villares asegurou que “dous xulgados distintos, unha xuíza, tres maxistrados e o propio Ministerio Fiscal” coincidiron en que a acusación carecía de fundamento. Tamén expresou o seu agradecemento á familia, amizades e persoas próximas polo apoio recibido durante os últimos meses.
“Quero intentar recuperar a normalidade da miña vida privada e profesional”, indicou, ao tempo que anunciou que solicitará de novo a alta como afiliado no Partido Popular, formación da que se dera de baixa voluntariamente ao coñecerse a investigación.
Villares sostivo que a súa imaxe pública foi “inxustamente danada” e insistiu en que traballará para restituír a súa honra. Preguntado implicitamente pola súa volta á primeira liña política, evitou pronunciarse sobre a posibilidade de asumir novas responsabilidades públicas.

