Galicia recoñece ás deputadas que participaron na Conferencia de Beijing

O Parlamento de Galicia entregou a Medalla do Parlamento 2026 a nove deputadas galegas que participaron hai trinta anos na IV Conferencia Mundial da Muller de Beijing, nun acto no que tamén se recoñeceu o labor desenvolvido por Manuela López Besteiro na promoción da igualdade.

As distinguidas son María Xosé Ares Casal, María Teresa Fernández Piñeiro, Pilar Pedrosa González de Castejón, María Fernanda Cerviño Villaverde e Elisa Madarro González, do Grupo Popular; María Xosé Porteiro García e María Antonia Álvarez Yáñez, do Grupo Socialista; e María Pilar García Negro e Olaia Fernández Davila, do Bloque Nacionalista Galego. A medalla de Elisa Madarro e Pilar Pedrosa, a título póstumo, foi recollido polas súas fillas.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, destacou o “compromiso e a dignidade” das premiadas e subliñou que a súa participación en Beijing marcou un fito que forma parte da historia de Galicia e do avance nas políticas de igualdade.

Tamén puxo en valor o traballo de Manuela López Besteiro, quen impulsou a creación dun departamento específico de igualdade no Goberno galego, desde o que se promoveron accións de apoio ao emprendemento feminino, ao asociacionismo, especialmente no rural, e á loita contra a violencia de xénero.

Santalices lembrou que en 1995 o Parlamento galego ratificou por unanimidade a Declaración de Beijing, converténdose Galicia nunha das primeiras comunidades en incorporar esa axenda, e salientou a evolución da representación feminina, que pasou do 16 por cento daquela a ser maioría na Cámara na actualidade.

O acto celebrouse no marco do 45 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, do que destacou a súa contribución á estabilidade e ao progreso da comunidade.

Unha das mulleres recoñecidas foi a xalleira María José Ares Casal que recentemente falou deste recoñecemento en Radio Xallas.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos