A situación económica do Concello de Camariñas xerou nas últimas horas un novo intercambio de valoracións entre o goberno municipal e o grupo da oposición do PP. Mentres o executivo local, encabezado pola alcaldesa Sandra Insua, destaca os resultados positivos da liquidación orzamentaria, o Partido Popular liderado por Paula Mouzo Mas cuestiona esa interpretación e advirte dunha realidade económica distinta.

O PSOE presume de remanente
Segundo informou o goberno local do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE), a liquidación do último orzamento municipal deixa un remanente de tesourería de 480.985,18 euros, un dato que, segundo sinalan, consolida a estabilidade das contas públicas. O executivo subliña que este resultado se suma ao remanente positivo rexistrado en 2023, cando o Concello acadou un saldo favorable de 747.580 euros, despois de que en 2022 a liquidación se pechase cun resultado negativo de -182.603,25 euros.
Desde o goberno municipal tamén destacan que o Concello cumpre un ano máis coas regras fiscais establecidas polas normativas estatais e europeas. A alcaldesa Sandra Insua sinalou que estes datos evidencian unha xestión económica “saneada, rigorosa e responsable cos cartos de todos os veciños”. Segundo explicou, a existencia de remanentes permite afrontar investimentos e actuacións municipais con fondos propios, sen depender doutras administracións, ademais de destinar parte destes recursos á amortización da débeda.

O PP fai referencia a «máis de dous millóns de euros» de débeda
Pola súa banda, o grupo municipal do Partido Popular cuestionou a valoración realizada polos socialistas e cualificou de “triunfalista” a interpretación dos datos económicos difundida polo goberno local. Desde a oposición consideran que o discurso do executivo municipal non reflicte a situación real das contas do concello.
Paula Mouzo Mas sostén que a débeda municipal supera actualmente os dous millóns de euros, polo que consideran incompatible falar de boa xestión económica. Neste sentido, aseguran que os datos oficiais “desmenten calquera triunfalismo” e critican o que cualifican como unha administración desordenada cos recursos públicos. Ademais, sinalan que esta situación convive, segundo a súa análise, cunha presión fiscal que consideran elevada en comparación con outros concellos da comarca.
O grupo da oposición tamén puxo o foco na situación dos orzamentos municipais. O PP insta ao goberno local a presentar a proposta de contas para o presente exercicio e critica que, malia contar con maioría absoluta, o executivo non teña aprobado aínda os novos orzamentos. Os populares sinalan que esta situación provoca unha parálise na planificación municipal e lamentan a falta de diálogo co resto da corporación.
Deste xeito, mentres o goberno local destaca os resultados positivos da liquidación orzamentaria e o cumprimento das regras fiscais, o principal grupo da oposición cuestiona a interpretación deses datos, critica a débeda a os altos impostos e reclama cambios na xestión económica municipal.

