A delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo, visitou este luns o concello de Dumbría para coñecer as actuacións realizadas na Casa da Cultura de Olveiroa e no centro social de Bustelo, obras destinadas a mellorar a eficiencia enerxética e a conservación destes inmobles e que contaron cunha achega autonómica próxima aos 150.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental.
Segundo informou a Xunta, as intervencións tiveron como obxectivo optimizar as condicións construtivas dos edificios municipais, mellorar o seu comportamento térmico e garantir a súa conservación.A delegada visitou Dumbría acompañada polo alcalde Raúl González Lado e por representantes do PSOE e do PP.
Casa da Cultura de Olveiroa
No caso da Casa da Cultura de Olveiroa, as actuacións incluíron a renovación das cubertas planas transitables existentes para adaptalas ás condicións actuais, prestando especial atención á corrección de pontes térmicas e aos encontros construtivos que estaban a provocar filtracións. Ademais, substituíuse a antiga cuberta inclinada de pranchas de uralita por unha nova estrutura metálica de aceiro con illamento incorporado. Tamén se renovou parte da carpintería e repuxéronse elementos deteriorados.

Centro social de Bustelo
Pola súa banda, no centro social de Bustelo executouse un sistema de illamento térmico polo exterior (SATE) co fin de mellorar o comportamento enerxético do edificio e reducir perdas térmicas. As obras incluíron tamén a construción dunha zanxa drenante perimetral para evitar a entrada de humidade procedente do terreo e corrixir problemas detectados nos encontros construtivos.
Durante a visita, a delegada provincial lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental, financiado a partir do canon eólico, busca reinvestir estes recursos en actuacións relacionadas coa conservación ambiental e o equilibrio territorial.
No conxunto de Galicia, este fondo mobiliza en 2025 un total de 9,2 millóns de euros nas súas modalidades competitiva e non competitiva. Na provincia da Coruña, as dúas liñas suman máis de 2,9 millóns de euros e benefician a decenas de entidades locais.
545.000 na Costa da Morte
Na comarca de Bergantiños–Costa da Morte, as axudas da liña non competitiva superan os 545.000 euros e chegan a concellos como Cabana de Bergantiños, Camariñas, Coristanco, Dumbría, A Laracha, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas, entre outros.
Do Campo subliñou que este fondo permite impulsar actuacións destinadas á protección ambiental e á mellora das infraestruturas municipais, ao tempo que destacou o papel dos concellos na xestión e conservación do territorio.


