Espazo Común propón un novo pacto local para Galicia

Espazo Común Galeguista reclamou unha reforma “profunda e estrutural” do municipalismo galego no contexto do debate aberto nas últimas semanas sobre o financiamento local e a futura Lei de Administración Local.

Concellos sen recursos suficientes

A organización sinala que o estudo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela para a Fegamp conclúe que o actual sistema de financiamento local está “obsoleto” e non responde ás necesidades reais dos concellos galegos. Segundo a formación, esta análise confirma unha situación denunciada desde hai anos por numerosos gobernos municipais, que asumen cada vez máis competencias sen dispoñer de recursos suficientes.

“Os concellos son a primeira administración á que acode a veciñanza, pero levan décadas funcionando cun modelo de financiamento desfasado, mentres aumentan as competencias e as demandas sociais”, sinalan desde a organización.

No marco do debate sobre a nova Lei de Administración Local, Espazo Común Galeguista tamén expresou escepticismo ante algunhas propostas, como a introdución da figura da vicealcaldía nos concellos de máis de 30.000 habitantes. Segundo indica a organización, as funcións asociadas a ese cargo xa son exercidas na práctica polas tenencias de alcaldía ou polos concelleiros e concelleiras responsables das distintas áreas de goberno.

A formación trasladou esta posición tamén nas redes sociais cunha mensaxe na que afirma que “cambiar o nome das cousas non resolve os problemas do municipalismo galego”.

Máis financiamento

Espazo Común Galeguista considera que os principais retos dos concellos están relacionados co financiamento, co reparto de competencias entre administracións e coa necesidade de reforzar a autonomía municipal nun contexto territorial marcado pola dispersión da poboación, o envellecemento e a presenza de numerosos concellos pequenos e medianos.

Neste sentido, a organización propón impulsar un novo pacto local para Galicia baseado en tres eixos: maior autonomía financeira para os concellos, un reparto máis equilibrado dos recursos entre administracións e un sistema que teña en conta as singularidades territoriais e demográficas de Galicia.

Segundo sinala a organización, se a futura Lei de Administración Local non aborda estas cuestións estruturais, existe o risco de que a reforma quede limitada a cambios de carácter formal.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos