O Partido Galego critica o anteproxecto da nova Lei da Administración Local de Galicia que, segundo sinala a formación, está a elaborar o Goberno autonómico e que, ao seu xuízo, suporía a desaparición das parroquias e das comarcas como entes locais con capacidade económica e de xestión.
O partido sostén que a proposta implicaría retirarlles ese recoñecemento institucional a dúas figuras territoriais que considera propias da organización histórica de Galicia.
A formación lembra que Galicia conta con 3.770 parroquias, ás que cualifica como unha das principais referencias de identificación territorial e social da poboación, especialmente no ámbito rural. Segundo sinala o Partido Galego, estas unidades forman parte da estrutura histórica e cultural do territorio e manteñen presenza tamén nas cidades a través de asociacións veciñais, festas ou entidades culturais.
Un maior papel das parroquias e comarcas
Nun comunicado de prensa vincula a orixe destas divisións territoriais coa evolución histórica do poboamento en Galicia e apunta á existencia de miles de castros rexistrados no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia como mostra da antigüidade da ocupación do territorio.
Respecto das comarcas, a formación lembra que Galicia está dividida en 53 comarcas, segundo o decreto de 1997 que utiliza o Instituto Galego de Estatística para a organización territorial.
O Partido Galego sinala tamén que, nas últimas décadas, estas divisións territoriais tiveron unha aplicación limitada na organización de servizos públicos, aínda que considera que poderían ter un maior papel na coordinación e prestación de determinados servizos.
A formación conclúe o comunicado defendendo a importancia de preservar estas estruturas territoriais pola súa relevancia histórica, cultural e social dentro da identidade galega.


