9.2 C
Santa Comba
jueves, marzo 5, 2026

Rodríguez anuncia obras no CEIP Labarta e critica a falta de mantemento no CPI de Zas

Román Rodríguez anuncia unha rehabilitación integral do CEIP Labarta Pose de Zas cun investimento previsto dun millón

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, detallou este martes no Parlamento que a rehabilitación do CEIP Labarta Pose (Zas) incluirá actuacións como o illamento térmico das fachadas, a renovación das fiestras e a reforma das cubertas, co obxectivo de mellorar o confort diario da comunidade escolar e a eficiencia enerxética do centro.

CEIP Labarta Pose de Baio, proxecto en redacción

Rodríguez explicou que o proxecto de rehabilitación integral está en fase de redacción e que o orzamento previsto se situará en torno ao millón de euros. Segundo indicou, a obra licitarase unha vez que o expediente administrativo e arquitectónico estea completado e incorporarase á programación de actuacións para o período 2024-2028, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica.

O titular de Educación engadiu que esta intervención elevará a arredor de 1,5 millóns de euros o investimento da Xunta en obras en centros educativos do municipio de Zas ao abeiro deste plan. Ademais, lembrou que no conxunto de Galicia, a Administración autonómica leva investidos máis de 210 millóns de euros en rehabilitación, conservación e mellora de colexios e institutos.

Falta de mantemento no CPI de Zas por parte do concello

Na súa resposta a unha pregunta da deputada socialista Patricia Iglesias, o conselleiro insistiu en que o mantemento dos centros de Infantil e Primaria é competencia municipal e asegurou que a Unidade Técnica da Consellería detectou en ambos centros que imparten Infantil e Primaria en Zas incidencias derivadas da falta de conservación, como canalóns tupidos por falta de limpeza.

Neste sentido, afirmou que “a limpeza e o mantemento dos canalóns son do Concello, Señoría, por unha lei do PSOE” e sostivo que “a inmensa maioría das cuestións que vostede plantexa aquí son a causa de que os canalóns están tupidos, insisto, por falta de mantemento”. Rodríguez engadiu que, en situacións de choiva e vento, “coa auga o vento leva para dentro, satúrase o forxado e hai pingueiras”, relacionando estes episodios co estado dos canalóns.

Con todo, sinalou que a Xunta asume reparacións que, segundo dixo, en moitos casos se derivan desta falta de mantemento. “Temos investido nos últimos anos máis de medio millón nos centros educativos de Zas”, indicou.

Sobre o CEIP Labarta Pose, afirmou que xa lle trasladou ao alcalde que se está redactando un proxecto cun custo estimado “en torno a un millón de euros” e que se incorporará “na programación de xeito inmediato”.

Rodríguez reiterou tamén a necesidade dun plan estatal de infraestruturas educativas con fondos para concellos e comunidades e volveu reclamar a redución do IVE nas obras en centros educativos, medidas que, segundo lembrou, non foron adoptadas polo Goberno central.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos