A culturista Marga Maroñas contou en Radio Xallas como o deporte lle mudou a vida e como pasou de adestrar por saúde a competir ao máximo nivel. Segundo explicou, comezou a ir ao ximnasio nun momento no que non se atopaba ben, con molestias e pouca enerxía, ata que decidiu facer un cambio de hábitos. Ela mesma recoñeceu que ao principio o seu adestramento era básico: “Empecei… a facer cinta e pouco máis”.
Co paso do tempo, foi collendo disciplina e orientando o traballo cara a unha preparación máis completa, na que a parte mental tamén é decisiva. A culturista destacou que para ela o importante non foi só transformar o corpo, senón sentirse mellor por dentro: “Eu sempre fixen isto por min, por saúde mental e por saúde física” e insistiu en que o proceso é de mellora global: “Non só físicamente… mentalmente tamén”.
Na conversa tamén explicou como funciona unha competición de culturismo, onde non chega con ter unha boa condición física, senón que hai unha parte técnica fundamental. Marga remarcou que é necesario controlar a escena e dominar as poses: “Hai que controlar a respiración e controlar a pose”, porque no escenario cómpre amosar os puntos fortes: “Tes que ensinar o mellor do teu corpo”.

Campioa galega de Body-fitness
Un dos momentos destacados da entrevista foi cando lembrou o seu éxito no Campionato Galego de Body-Fitness, no que acadou o primeiro posto, e onde viviu unha experiencia moi especial. Indicou que a competición foi en Vilalba (Lugo): “Foi en Vilalba, en Lugo”, e definiu aquela xornada como unha superación persoal: “Foi un día especial porque unha era unha superación”. Ademais, recoñeceu que competir obrigouna a vencer barreiras propias, especialmente a exposición diante do público: “Eu superei un obstáculo… de enfrontarme á xente, ás poses”.
Finalmente, deixou unha mensaxe clara para quen queira iniciarse neste mundo: progresar paso a paso e buscar asesoramento fiable se se decide competir. De feito, advertiu que para dar ese salto é clave ter apoio especializado: “Se queres competir, hai que meterse nas mans dun bo profesional”.


