Os días 14 e 15 de xullo, a provincia da Coruña acollerá o desenvolvemento do proxecto Saudade, unha iniciativa da Deputación que busca reforzar a identidade gastronómica do territorio e promocionar os seus produtos e profesionais a nivel estatal. A presentación oficial tivo lugar na praza de Abastos de Santiago, nun acto conducido polo vicepresidente provincial, Xosé Regueira, acompañado de representantes do sector como os chefs Lucía Freitas e Manuel Costiña, e as produtoras Carmela Cano (Queixo Galmesán) e Graciela Castro (Chichalovers).
Durante dúas xornadas, recoñecidos chefs procedentes de diferentes puntos do Estado —que suman máis de 20 estrelas Michelin— visitarán enclaves como Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Coristanco, Santa Comba e a propia capital galega. A proposta ofrece unha inmersión nos produtos autóctonos e no traballo dos produtores locais, combinando visitas a espazos produtivos, experiencias sensoriais e mesas de reflexión sobre gastronomía, territorio e sustentabilidade.
A primeira xornada, o luns 14, estará centrada no mar e levará aos participantes a coñecer de primeira man o proceso de extracción e transformación de produtos mariños na comarca do Barbanza. Está prevista a visita á lonxa de Ribeira e a unha batea de mexillóns, así como unha experiencia enoturística e unha cea de produto no mercado de Santiago.
O martes 15, a actividade trasladarase a Coristanco e porase o foco na produción agroalimentaria de terra, con encontros con produtores locais e dous foros de debate sobre innovación, produto e cultura alimentaria. A xornada pecharase cun xantar tradicional.
O vicepresidente provincial destacou que Saudade “non é só unha acción promocional, senón unha aposta estratéxica por dar visibilidade á calidade do produto galego e á conexión entre gastronomía, identidade e futuro sostible”.
Entre as empresas participantes figuran A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, A Despensa D’Lujo, Mariscos de Barallobre, Orixes Galegas Porco Celta, Pagos de Brigante, Percebe da Barca Muxía, Vermú Lodeiros e Xearte Brigitte.


