Actuación da Orquesta Kubo e de Xurxo Fernandes, entre outros.
O Concello da Laracha e a Comisión de Festas de Paiosaco presentaron o cartel da edición 2025 da Festa das Cereixas, que se celebrará na fin de semana do 5 e 6 de xullo. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, esta celebración é o evento gastronómico e festivo máis destacado do municipio.
Verbena coa orquesta Kubo
A programación comezará o sábado 5 cunha sesión vermú a cargo do Dúo Matices e continuará á noite coa orquestra Kubo e unha sesión de disco móbil.
A orquesta Kubo mantén a artistas como Danni Lamas e Michell Aranguíbel que levan desde 2017 e a Raúl Paz “RuLo”.
Nesta tempada, Kubo renovou o seu corpo de baile e incorporou a dúas voces, Alejandra Corral, que formou parte nos últimos anos da orquestra Solara e Christian Menéndez de Saudade.
Feira das Cereixas
O domingo 6 será o día grande coa celebración da tradicional Feira das Cereixas no recinto feiral. Durante toda a mañá ofreceranse degustacións gratuítas de produtos elaborados con cereixa nunha foodtruck e facilitarase información turística no stand do Concello. Ás 11:00 terá lugar un obradoiro infantil sobre o ciclo da cereixa, titulado Do óso ao brote.
A xornada estará animada pola charanga Kilomberos de Monte Alto , haberá sesión vermú co Dúo Platino e, xa pola tarde, a Asociación Cultural Queiroga ofrecerá unha actuación de música e baile tradicional galego.
Ás 21:30 h actuará o grupo Os Melidaos e, ás 22:30 h, terá lugar o concerto de Xurxo Fernandes co seu espectáculo Levaino!, seguido dunha sesión de fogos artificiais para pechar a festa.
O Concello destaca a colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Abanca, e agradece o traballo da Comisión de Festas para manter viva esta tradición. Anímase a veciñanza e visitantes a participar nunha fin de semana dedicada á cereixa, símbolo identitario de Paiosaco.