O Asalto ao Castelo de Vimianzo celebrará a súa XXVIII edición cun cartel cheo de música, historia e participación popular
A cita será os días 4 e 5 de xullo, cun programa que se estende dende finais de xuño e que inclúe concertos, actividades culturais e festivas, gastronomía, artesanía e recreacións históricas
Un evento consolidado que volve transformar o Castelo nun espazo vivo
A fortaleza de Vimianzo acolleu este 27 de maio a presentación oficial do Asalto ao Castelo 2025, unha das festas máis emblemáticas da Costa da Morte, recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, encabezou un acto no que participaron tamén o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o portavoz da organización, Manuel Rial, así como representantes das asociacións AXVALSO, Cherinkas, Terra de Soneira CD e do sector hostaleiro local.
Rodríguez agradeceu “o incansable traballo de todas as persoas que fan posible esta celebración única”, e destacou a importancia dun evento “feito desde a base, polo tecido social e co apoio do conxunto da veciñanza”. Regueira, pola súa parte, comprometeu o apoio da Deputación e definiu o Asalto como “un exemplo de evento que combina festa, cultura, deporte e gastronomía de maneira sustentable”.
Concertos con nomes destacados e esencia popular
O cartel musical deste ano combina artistas consagrados coa aposta polos grupos galegos e pola participación veciñal. A noite do venres 4 estará encabezada por Che Sudaka, con Monolious Dop e Yava DJ, mentres que o sábado 5 será a quenda de Alana, The Rapants, Heredeiros da Crus, Firkin e Mekánica Rolling Band, nunha noite para a que será necesaria entrada. Pablo Castro, integrante de Alana, mostrou a súa emoción por actuar “nun festival ao que levo vindo de público desde pequeno”.
Ademais da música en grande formato, ao longo dos dous días haberá pasarrúas, actuacións en pequeno formato e concertos didácticos, mantendo o espírito de festa integradora que caracteriza ao Asalto.
Cultura, infancia e memoria: unha programación para todos os públicos
O programa deste ano comezará xa o 23 de xuño cun campamento medieval infantil, que culminará o 4 de xullo. A última fin de semana de xuño haberá actividades previas como a homenaxe sonora polo décimo aniversario do disco Irmandiño Son, unha conferencia sobre as revoltas irmandiñas a cargo de Manuel Gago, ou a IX edición da Legua Irmandiña, que mestura deporte e historia.
O xoves 3 de xullo será o día das crianzas, cunha tarde-noite infantil no Foso e o Des-enterro Irmandiño, que culminará co Aquelarre de Ánimas de Palleiro na praza do Concello.

Artesanía e gastronomía con identidade
Do 1 ao 6 de xullo, o Castelo acollerá a Mostra de Artesanía ao Vivo, que permitirá coñecer de preto o traballo dos artesáns locais. Unha das propostas gastronómicas máis singulares do evento, os Pinchos Irmandiños, chegarán á súa 16ª edición con novidades como opcións veganas e sen glute. Cristina Landeira, en representación da hostalaría, valorou “a capacidade de innovar mantendo a esencia dunha proposta única en Galicia”.
Outro dos momentos máis esperados será a Cea Medieval do venres 4, que xa esgotou as entradas, e que contará con animación musical, queimada e ambientación tradicional.
O sábado, gran día do Asalto
A xornada do sábado 5 de xullo será intensa: feira artesanal, actividades infantís, torneos, dramatizacións históricas e exhibicións medievais. Pola tarde, terá lugar o Asaltiño, coa participación dos máis pequenos, e a X Viaxe no Tempo, protagonizada pola mocidade local.
A partir das 19:45 horas celebrarase o pregón da Festa da Carballeira de Zas, o izamento da Bandeira Irmandiña e o circuíto musical polas rúas. Ás 23:30 horas, terá lugar o simbólico Asalto ao Castelo, que dá nome á festa e que rememora as revoltas populares do século XV, seguido de concertos até a madrugada.
O domingo 6 de xullo pechará a festa cunha visita guiada ao Castelo ás 11:00 horas e dúas sesións de visita teatralizada a cargo de Os Quinquilláns, ás 12:30 e 17:00 horas. A sesión vermú na praza Castelao estará amenizada por Medio Quinhón.
Unha festa feita por e para a xente
O portavoz da organización, Manuel Rial, reivindicou o papel do asociacionismo e a implicación veciñal como base do éxito do evento: “Este cartel e esta festa son posibles grazas ao traballo colectivo dun pobo que cre na súa historia e na súa cultura”. O Asalto ao Castelo promete, unha vez máis, ser unha cita inesquecible.

