Este pasado 5 de abril celebrouse en Tui o VII Congreso Nacional (Extraordinario) de Converxencia 21 co obxecto de dirimir o futuro do partido. Era un congreso crucial porque tras 15 anos de percorrido, os liberais plantexábanse por primeira vez a súa continuidade.
Explica o seu Presidente José Palacín: “Disolverse era unha decisión difícil porque, por unha banda, creemos firmemente nas ideas e valores que representamos, pero por outro lado, os resultados veñen sendo absolutamente desalentadores”.
Como tamén explicou Carlos Vázquez Padín, Presidente Fundador e Ex Alcalde de Tui: “Non ten sentido nin dignidade suplicar o voto cando non consegues ser politicamente desexable para a sociedade”.
O liberalismo en Galicia
Ratificando estas palabras o propio Palacín completaba: “A sociedade aínda non está preparada para asumir o liberalismo porque a liberdade individual require grandes doses de responsabilidade e esforzo persoal, algo incompatible ca comodidade dunha sociedade que se deixa fagocitar pola voraxine dun Estado paternalista e omnipresente”.
José Palacín, concelleiro non adscrito
A decisión da disolución tomouse por unanimidade dos compromisarios, que ademais, permitiron e invitaron ao seu único cargo público, José Palacín, concelleiro polo Municipio de Tui, a pasarse a condición de Non Adscrito na Corporación.
Neste Congreso de despedida, C21 deu as grazas a tódolos afiliados e simpatizantes da formación e tamén a aquelas persoas que no seu momento depositaron, tanto a nivel local, como cara o resto das institucións, o voto ao seu favor.
Por último, din estar orgullosos dun proxecto que xa forma parte da historia, dunha entidade que co tempo, están seguros, será considerada como unha obra de culto, incluso como unha avanzadilla de visionarios que anticipan a catarse deste sistema perverso no moral e no pragmático.