A borrasca Martinho deixa tras de si máis de 600 incidencias en Galicia
A borrasca Martinho segue deixando a súa pegada en Galicia, cun total de 638 incidencias xestionadas nas últimas 24 horas, das cales 614 tiveron lugar entre a medianoite e as 18:00 horas deste xoves. A caída de árbores, postes, cables e outros obxectos desprazados polo vento continúa a ser a principal causa de incidencias nas vías de circulación.
No día de hoxe, contabilizáronse 336 incidencias relacionadas con árbores e pólas caídas en estradas, sendo estas as máis numerosas. Tamén se rexistraron 97 actuacións dos equipos de emerxencias para a prevención de riscos, 76 incidencias relacionadas con cables, carteis e postes afectados e 44 por derrubamentos e desprendemento de tellados.
A provincia de Pontevedra foi a máis afectada, con 276 incidencias rexistradas, seguida da Coruña con 160, Lugo con 99 e Ourense con 78. Ademais, rexistrouse unha incidencia xestionada polo 112 Galicia que pertencía á comunidade de Castela e León.
Entre os concellos máis afectados, na provincia da Coruña destacan Ribeira con 13 incidencias, Cee con 8 e Fisterra con 7. Na provincia de Pontevedra, Lalín sumou 28 incidencias, Vigo 29 e tanto Ponteareas como A Estrada alcanzaron as 18. En Lugo, o concello de Sarria foi un dos máis prexudicados, con 14 incidencias, seguido de Chantada con 10 e Lugo con 9. Finalmente, en Ourense, Xinzo de Limia foi o concello máis afectado, con 12 incidencias rexistradas.
Aínda que nas últimas horas non se produciron incidencias especialmente destacables relacionadas coa meteoroloxía adversa, desde o 112 Galicia queremos lembrar que a situación meteorolóxica continúa sendo complicada. Os servizos de emerxencias seguen traballando arreo para atender as múltiples incidencias provocadas pola borrasca Martinho, polo que se solicita á cidadanía que extreme as precaucións e siga as recomendacións das autoridades ata que a situación mellore.
Informacion NOTA DE PRENSA AXEGA 112
FOTOS CONSORCIO PROVINCIAL CONTRAINCENDIOS DA CORUÑA- FOTO CARBALLO- PALMEIRA