O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recibiu o pasado luns 10 de febreiro ao alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, nun encontro no que se trataron diversos temas de vital importancia para o futuro do municipio xalleiro. A reunión, que se desenvolveu nun clima de colaboración e entendemento, permitiu avanzar en cuestións clave para a mellora da calidade de vida da veciñanza de Santa Comba.
Transferencia Centro de Saúde de Santa Comba
Un dos puntos centrais da xuntanza foi a cuestión da transferencia de titularidade do Centro de Saúde situado no municipio, unha reivindicación que leva anos sendo tratada.
O alcalde Alberto Romar expuxo ao presidente da Xunta as necesidades urxentes que este proceso implica e destacou a importancia de que o centro, que presta servizo a unha ampla área de influencia, sexa un dos primeiros en beneficiarse das transferencias previstas polo Sergas para o ano 2026. Alfonso Rueda comprometeuse a que esta transferencia se leve a cabo, dando resposta á demanda histórica do municipio.
Estrada AC-400 e AC-406
Outro dos asuntos abordados foi o proxecto da senda na estrada AC 400, que conecta
Mourelle e Montouto. Este proxecto, de grande relevancia para a mellora da seguridade viaria e a humanización dos accesos entre os núcleos urbanos.
O presidente Rueda acordou neste caso realizar as consultas pertinentes para poder integrar este proxecto nas partidas orzamentarias adecuadas e permitir así que esta
obra se materialice nunha mellora necesaria que favorecerá a mellora da circulación
nunha vía de comunicación con un alto volume de circulación.
A mellora da estrada AC 406, a gran vía de comunicación que conecta Santa Comba
coa cidade de Santiago de Compostela, foi outro dos temas tratados. A Xunta de
Galicia reafirmou o seu compromiso de retomar os avances nesta infraestrutura, co
obxectivo de activar a segunda fase do proxecto cun orzamento estimado de 4 millóns
de euros, para a que xa se atopan elaborados os proxectos técnicos.
Polígono industrial, ciclo do auga e Centro de Día
Ademais destes temas, tamén se abordaron outras cuestións de interese para Santa
Comba, como a ampliación do polígono industrial, as melloras nas infraestruturas do
ciclo do auga e as axudas para a posta en marcha dun centro de día, unha infraestrutura moi demandada pola veciñanza e na que o equipo de goberno socialista leva traballando e avanzando desde a súa entrada na alcaldía.
O alcalde Alberto Romar amosouse satisfeito e agradecido pola disposición do presidente Rueda e a boa sintonía entre ambos. «Valoro moi positivamente esta primeira reunión con Alfonso Rueda. Conseguimos tratar temas de gran importancia para o noso municipio e logramos compromisos claros que evidencian a vontade de entendemento mutuo e de colaboración. Desexo sinceramente que esta actitude poidera trasladase á relación coa oposición do grupo municipal popular», destacou Romar tras a xuntanza.
Esta reunión reflicte a boa disposición do goberno galego para seguir traballando
xunto ao Concello de Santa Comba na resolución dos retos que aínda quedan por
afrontar, sempre cunha visión de futuro e mellora para un municipio referente na súa
comarca.

