O BNG celebrará a súa XVIII Asemblea Nacional o vindeiro 1 de decembro baixo o lema “Coa túa forza, Galiza gaña”. Hai tres candidaturas presentadas.
A candidatura “oficial” liderada pola portavoz nacional, Ana Pontón Mondelo, inclúe caras visibles da primeira liña do BNG como Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, Lucía López Sobrado, Olalla Rodil, o secretario xeral da UPG, Néstor Rego, Luis Bará, Carme da Silva ou Lois Pérez Castrillo.
Pola comarca de Bergantiños está o deputado Daniel Pérez e pola Costa da Morte, Primitivo Pedrosa (suplente). En representación da emigración (tamén como suplente) figura o xalleiro Xosé Abelenda.
O BNG en Movemento
A deputada Noa Presas Bergantiños encabeza a candidatura O BNG en Movemento, impulsada polo Movemento Arredista e coa participación de persoas independentes vinculadas á organización nacionalista.
Xunto con Presas, figuran na candidatura David Soto e Julio Conde. Da Costa da Morte forman parte da candidatura o portavoz en Dumbría, Xaime Trillo, e Xan Carlos Sar e Federico Santalla.
Alicerce
E dentro do BNG conformouse un novo colectivo denominado “Alicerce”, que tamén presentou a súa candidatura liderada por Gustavo Barcia Seijo.
A militante ceense Cristina Camba ocupa o segundo posto. Pero hai máis representantes desta zona como a concelleira Lorena Suárez(Vimianzo), os concelleiros de Cee, Montserrat Canosa e Serxio Domínguez Louro así como Mercedes Díaz Mayán, César Pérez, Nerea Cortés, Xilberto Caamaño ou Jesús Túñez.


