O BNG xalleiro expresou o seu apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Santa Comba esixindo ao goberno local que “escoite as súas demandas xustas e poña fin á discriminación que padecen cunhas condicións dignas de traballo».
O portavoz nacionalista, Juan David Sixto, e a deputada autonómica Iria Carreira mantiveron unha xuntanza coas traballadoras.
«Que o concello impoña de maneira unilateral as condicións de traballo só fala dun goberno intransixente que non é quen de negociar cun colectivo tan importante e que tanto precisa a veciñanza de Santa Comba» declarou Sixto. Denuncian que son o único persoal do concello ao que non se lle aplica o convenio colectivo.
Perpetuar unha desigualdade en Santa Comba
«Lamentamos que o goberno do PSOE non cumpra cos dereitos básicos das traballadoras e que perpetúe unha desigualade de condicións que se dá, por outra parte, nun sector composto por mulleres o que nos leva a falar de discriminación por xénero ademais da propia vulneración dos dereitos laborais» critica Juan David Sixto.
Desde o BNG recriminan tamén “a conivencia da oposición” do Partido Popular.
«Non se cumpre o convenio e traballan moitas máis horas, sen descansos e con horas extras obrigadas que se están pagando como ordinarias… están facendo entre 180 e 200 horas extras ao ano cando a lei recolle un máximo de 80… unha situación inxustificábel e inxusta que ten que rematar xa» manifestou o portavoz local.