O Sindicato CIG denuncia a “imposición unilateral” por parte do Concello de Santa Comba dos horarios das traballadoras municipais do Servizo de Axuda no Fogar.
Nun comunicado de prensa explican que este persoal “era o único que non dispuña dun horario estabelecido e acorde ás condicións reguladas no convenio colectivo para o persoal laboral, aprobado o pasado 16 de xaneiro”.
Aseguran que a CIG-Administración Pública “tentou, no ámbito da negociación, chegar a un acordo sobre os horarios das traballadoras que respectase, como non pode ser doutro xeito, os dereitos estabelecidos no convenio colectivo e a non discriminación laboral co resto das persoas traballadoras do Concello».
Pero critican que “o Concello de Santa Comba négase a cumprir dereitos básicos das traballadoras, tales como os descansos semanais obrigatorios, ou ausencia de discriminación de xornada entre o persoal municipal, entre outros.
E falan de “prácticas discriminatorias” que se producen “de maneira deliberada nun sector profesional feminizado, polo que entenden que “ademais da vulneración dos dereitos laborais fundamentais destas traballadoras atopariámonos coa gravidade da discriminación laboral por razón de xénero».
Aseguran que o Goberno municipal de Santa Comba “xa foi sancionado pola Inspección de Traballo o pasado mes de xaneiro pola comisión dunha falta grave, consistente no incumprimento de obrigas en materia de medidas de igualdade efectiva entre mulleres e homes”. Días antes o concello de Santa Comba emitía u comunicado anunciando medidas.


