O Partido Popular destaca o compromiso da Xunta de Galicia coa Costa da Morte que se reflicte nos orzamentos presentados para 2025.
Entre as partidas, salientan a “forte aposta” por impulsar a VAC Baio-Berdoias “con 8 millóns de euros neste orzamento e o compromiso de inversión nos vindeiros exercicios con 10 millóns para o 2026 e 12 máis para o 2027 e 2028”.

Impulso á Costa da Morte
“Falamos dun proxecto de moita importancia para mellorar as comunicacións na nosa comarca” indicou o deputado autonómico Rubén Lorenzo que opina que “estamos a falar dunhas contas reais, baseadas nunhas previsións certas e que servirán para impulsar a nosa comarca en todos os niveis”.
Lorenzo referiuse a outros investimentos como os catro millóns de euros que a Xunta de Galicia destinará para seguir avanzando nas obras de saneamento e abastecemento (con actuacións en Cabana , Malpica ou Laxe), así como ós seis millóns de euros para loitar contra o risco de inundacións.
LIGAZÓN AOS ORZAMENTOS DA XUNTA 2025
A Variante de Carballo (500.000 euros), a mellora da eficiencia enerxética nos xulgados de Carballo e Corcubión (con partidas de 578.076 e 205.514 euros respectivamente) ou os investimentos nos parques industriais de Coristanco (1.382.876), Santa Comba (1.492.623), Cabana (160.749) ou Bértoa- Carballo (283.278), son outras accións previstas nos orzamentos de 2025.
No aspecto educativo, hai investimentos para o IES Alfredo Brañas de Carballo (1,7 m) ou para a ampliación do Colexio Mar de Fora de Fisterra (637.000 euros).
A Consellería de Sanidade tamén está á espera da entrega dos terreos por parte do concello de Carballo, para avanzar na construción do CIS desta localidade.

Melloras nos portos da Costa da Morte
Os investimentos en portos tamén teñen incidencia na Costa da Morte, coa mellora do pavimento no peirao de Camariñas (133.000 euros), onde tamén se beneficiarán dun investimento de 50.000 euros para os departamentos de usuarios (dentro dun proxecto plurianual que ascende a 400.000 euros).
Destínase 8 millóns de euros para o Porto Mixto de Corcubión se ben está “pendente de superar a tramitación ambiental autonómica e estatal”. En Malpica hai partidas para iniciar melloras na Dársena (250.000 euros) e a remodelación do departamento de exportadores(100.000 euros).
Tamén se realizarán arranxos na lonxa de Portocubelo-Carnota (155.000 euros), no acceso ao porto de Corme-Ponteceso (400.000 euros) e outras obras en Caión- A Laracha, Muxía e Fisterra.
O apoio financeiro ao Polo de Emprendemento de Coristanco, o espazo Coliving de Laxe, a instalación dun ecógrafo no Hospital Virxe da Xunqueira e as distintas medidas procedentes de programas xenéricos, conforman as liñas xerais destas contas.
FOTO de Portada, Rubén Lorenzo e Paula Mouzo con Alfonso Rueda nun acto de campaña

