Javier Carballo Mouzo é o párroco da Unidade Pastoral de Santa Comba. Que agrupa as parroquias de Santa María de Alón, San André de A Pereira, San Pedro de Cícere, San Xoán de Grixoa, san Xulián de Santa Sabiña e San Pedro de Santa Comba.
O cura vimiancés asegura que “adapteime moi ben e a acollida foi moi boa”. Chegou a finais de xullo e xa se encontrou coas celebracións do San Cristovo xalleiro: “É a primeira vez que celebro unha misa nun palco de orquestra e foi un mes moi intenso con festas, bautizos, primeiras comuñóns e algunha voda”.
«O éxito das parroquias depende dos colaboradores»
Nunha entrevista en Radio Xallas, Javier Carballo comentou que o actual destino “é de moito traballo pero é unha tarefa apaixoante”. Un dos seus retos é o fomento da catequese, do traballo de Cáritas e “continuar o traballo dos anteriores párrocos e mellorar no que se poda”.
Ten claro que “o éxito das parroquias non depende do cura senón dos colaboradores” e agarda desenvolver unha boa misión pastoral que sexa participativa:”O ideal sería non perder o vínculo coa igrexa e coa presenza de Xesucristo”.
Destacou que nas festas das parroquias queda demostrando que a xente busca a Deus “xa que as capelas e as igrexas énchense” e tamén hai “moitas confesións”.
Esta foi a entrevista de Javier Carballo en Radio Xallas. Desde o minuto 61