Vídeo declaracións Isabel Faraldo & Joam Evans
Podemos presentou unha denuncia no Xulgado de Primeira Instancia de Noia polos delitos contra o medio ambiente e a saúde pública, destacando a «neglixencia, deixadez e abandono» da Xunta de Galicia.
A candidata de Podemos Galicia á Xunta de Galicia, Isabel Faraldo, anunciou unha serie de medidas para abordar o problema dos vertidos de pellets en Galicia.
Faraldo subliñou a toxicidade destes pellets para a fauna mariña, aves e seres humanos que consumen peixe e marisco contaminado.A candidata insistiu en pedir a dimisión do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e criticou a resposta do goberno galego, comparándoa coa activación inmediata do nivel de emerxencia en Asturias.
Opina que o goberno da Xunta está “minimizando unha catástrofe que nos consideramos de alto nivel”. Ademais, anunciou diferentes medidas, con Ione Belarra solicitando a comparecencia da ministra Teresa Ribera e a eurodeputada Idoia Villanueva presentando unha pregunta parlamentaria en Bruxelas para involucrar á Comisión Europea.
Demanda penal de Ecoloxistas en Acción
Ecoloxistas en Acción presentou unha demanda penal nos Xulgados de Noia contra a empresa armadora propietaria do portacontedores «Toconao», con bandeira de Liberia, e o seu capitán.
A denuncia, apoiada por Plademar Muros-Noia, acusa á empresa dun presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais debido á vertedura de millóns de pellets de plástico que afectaron as costas galegas.
Segundo precisou Joam Evans, a contaminación por pellets xa afectou a 10 espazos protexidos da Rede Natura 2000, ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e ao Parque Natural de Corrubedo, así como a numerosas zonas costeiras e praias.
A demanda destaca os danos significativos na calidade da auga, os chans das praias e a fauna e flora destes ecosistemas, ademais do risco para a saúde. Os pellets de plástico, tamén coñecidos como «nurdles», actúan como esponxas absorbendo toxinas, converténdose en potenciais «bombas tóxicas».
Ecoloxistas en Acción busca que se aplique o principio de «quen contamina paga» e solicita ao xulgado unha caución de polo menos 10 millóns de euros para cubrir os custos de restauración.
Convidan a outras administracións e organizacións a unirse como acusación na causa.
A organización destaca a necesidade de cambiar o sistema de produción e o modelo económico global para evitar que os custos e a responsabilidade recaian inxustamente na cidadanía e os medios públicos.
Este mércores 10 de xaneiro o voceiro de Ecoloxistas en Acción Cristóbal López intervirá no programa Na Encrucillada de Radio Xallas.
Escoitar on line desde esta ligazón Radio Xallas