Información AXEGA 112– foto GES MUROS
Foron auxiliadas polos axentes da Garda Civil que participaron no operativo, e trasladadas ao Punto de Atención Continuada de Muros.
Varios particulares informaron ao 112 Galicia deste suceso, pasadas as 15 horas da tarde. Estaban a observar como dúas persoas pedían axuda desde unha distancia considerable de terra, ao verse incapaces de abandonar a auga polos seus propios medios.
Inmediatamente, os xestores do 112 Galicia informaron a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, ao Grupo Acuático do GES de Muros, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil de Carnota.
Desde Salvamento Marítimo confirmaron que estaban a mobilizar un helicóptero e unha embarcación de rescate, mentres que un particular e un axente da Garda Civil internáronse en busca das implicadas empregando táboas de surf.
Contra as 15:30 horas, a Garda Civil confirmaba que ambas persoas estaban xa fóra da auga e en bo estado de saúde, aínda que tragaran auga durante o transcurso do rescate.