Informa-AXEGA 112
Entre as 20 horas do venres e as 7 horas da mañá deste sábado, no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias recibíronse case dúas mil chamadas (1.935), das cales 476 convertéronse en incidencias.
Os últimos compases do día 23 estiveron marcados polas incidencias de carácter sanitario (44), os accidentes de circulación (en sete deles requiriuse da intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061), as intervencións das forzas da orde por pelexas (23), os incendios relacionados con, por exemplo, fogueiras ou contedores (4) e polos lumes de carácter urbano (3).
A partir da medianoite, a tendencia mantívose, con 110 casos de asistencia sanitaria, 37 requirimentos das forzas da orde por pelexas, 6 accidentes de circulación nos que algunha persoa resultou ferida e 1 incendio urbano.
En canto ás provincias, a da Coruña foi a máis afectada con 128 casos totais relacionados coa noite de San Xoán, seguida da de Pontevedra (115), Lugo (26) e Ourense (25).
Vigo foi a cidade galega que máis incidencias rexistrou, con 26 en total. Coruña (30), Nigrán (24), Santiago (12) e Pontevedra (9) completan o listado de municipios nos que o 112 Galicia rexistrou un maior número de sucesos.
Incidencias destacadas
As fogueiras de San Xoán provocaron queimaduras a varias persoas. En Ares, dous particulares tiveron que ser atendidos, ás 23:41 e ás 1:20 horas. O primeiro deles caera de costas sobre o lume.
Os servizos de emerxencias tiveron que saír en múltiples ocasión a realizar comprobacións por posibles incendios, alertados por particulares: destaca neste sentido unha fogueira que se descontrolou en Ribeira, dez minutos antes da medianoite, e que os propios veciños lograron controlar.
Por outra banda, á mesma hora e en Vigo, na avenida do Alcalde Gregorio Espino, un particular chamou ao 112 para solicitar asistencia sanitaria para unha muller que se atopaba tendida sobre a vía pública, sangrando. Esta non respondía aos intentos do alertador por contactar con ela. Unha vez no punto, o persoal sanitario indicou que se tratara dunha agresión, e desde o 112 Galicia coordinouse a acción da Policía Nacional e Local.
Na Coruña, un home caeu desde varios metros de altura, contra as 6 horas da mañá, quedando ferido. O 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Policía Local do municipio.