Este sábado 10 de xuño, a partir das 12 do mediodía na canle de Youtube de Nós Televisión terá lugar a estrea do documental “Manoel Vello. A grandeza das cousas pequenas”.
Unha homenaxe ao finado galeguista Manoel Vello Salvado, que segundo explican os promotores “ repasa todas as iniciativas nas que participou activamente ao longo da súa traxectoria política e social”.
O documental foi dirixido e realizado por Xosé Bocixa, e producido por Nós Televisión coa colaboración de Tingalaranga.
Malia falecer con 50 anos (o pasado 15 de decembro de 2022), Vello tivo unha intensa traxectoria na defensa do idioma de Rosalía, actividade política como concelleiro do BNG en Mesía ou dirixente de Compromiso por Galicia.
Foi sancristán e sindicalista, activista cultural e colaborador de diferentes iniciativas e por riba de todo un galeguista comprometido, un bo e xeneroso.
Testemuños
No documental participan familiares de Manoel, así como Luis e Beti Louro, promotores do centro social O Tizón, Pedro Pereira (ex concelleiro do BNG en Mesía), o cura Gumersindo Campaña, o sociólogo Luís Liñares,Carlos Amoedo (Fundación Praza Pública), o gandeiro Manuel Raposo, os profesores e amigos Charo Fernández Velho e Franceso Traficante, Rafael Rodríguez (ALCER Galicia), Xoán Bascuas (ex secretario xeral de CxG) e do xornalista Antón Escuredo.
“As cousas pequenas” de Secho e García MC é o tema principal do documental, onde tamén se inclúen os temas de Zenzar “Cortina” e “Nacín libre”e “Días de escuela” de Badana. Por certo , Badana unha veterana banda de rock que o benquerido Manolo difundiu chegando a ser o presidente do seu club de fans.