Anova celebrou unha xuntanza da súa coordinadora na que escolleu unha comisión permanente “ encargada de reactivar o traballo deste espazo”.
Martiño Noriega será o Portavoz Nacional nunha dirección onde estará acompañado, na responsabilidade de relacións políticas por Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo.
Xosé Manuel Beiras formará parte deste novo equipo que completan Antonio Negreira (Municipalismo), Miguel Anxo Fernán-Vello (Comunicación), Iria Otero (Finanzas), Iván Rodríguez (Servizos Públicos e Movementos sociais) e Antía Comesaña (Organización).
Segundo Anova as súas prioridades son “o arroupe ás candidaturas municipais onde Anova está a participar en solitario ou xunto a outras sensibilidades políticas da esquerda do país e o acompañamento aos movementos sociais en defensa do territorio e dos servizos públicos”.
“Nestes tempos excepcionais de continuo recorte de liberdades, onde a chegada da extrema dereita aos gobernos é algo máis cunha ameaza, cómpre reactivar un dique de contención republicano e democrático, que teña o corazón abaixo e á esquerda no noso país.Anova representa un discurso soberanista alternativo aos existentes e ten un patrimonio humano no político que non pode permanecer desactivado ante os retos que como sociedade temos por diante” declarou o novo portavoz Martiño Noriega.