AXEGA 112
Un home apareceu inconsciente e flotando na auga na Praia de Somorto, en Muros.
As manobras de reanimación non foron abondo para recuperar ao señor, que finalmente faleceu.
Segundo a información recollida no 112 Galicia, o suceso produciuse pouco antes das cinco desta tarde nun areal do concello de Muros, desde onde chamou ao 112 Galicia unha persoa particular que viu como o señor que flotaba na auga era rescatado. Xa en terra comezaron a practicarlle as manobras de reanimación, e Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mesmo enviou un equipo a bordo do helicóptero medicalizado, pero nada se puido facer para salvarlle a vida.
Coa aeronave pousada no mesmo areal, as manobras de reanimación do equipo médico finalizaron sen éxito, e o señor faleceu finalmente, dixeron, posiblemente a causa dun afogamento.
Ademais dos sanitarios, ao lugar dos feitos acudiron os membros do GES de Muros e os axentes da Policía Local e Garda Civil tras ser avisados a través do 112 Galicia.
foto-arquivo Xunta de Galicia