– Xosé Manuel Lema-
A emigración separou moitas familias pero tamén abriu camiños e despexou dúbidas. E uniu persoas e culturas. Deixou unha pegada tan marcada que impregnou a vida de diversos territorios.
E con esa pegada na súa historia e co ánimo de unir, naceu “OllarBlick” ( ollar en galego e blick en alemán), da man de Xosé Abelenda e Teresa Álvarez, fillos de emigrantes xalleiros en Suíza.
O propio Abelenda, natural de Grixoa de Esternande, continúa en terras helvéticas, mentres que Teresa, da parroquia de Castriz, desenvolve a súa actividade laboral na capital de Galicia.
“OllarBlick é o intento de reflexar as nosas sensacións con ambos países, mediante fotografías que se reflicten en diferentes produtos (tazas, camisetas, bolsos, paraugas)” comentan os promotores deste proxecto, que aproveitan as novas tecnoloxías para ir avanzando na difusión da iniciativa.
Tamén nos contan como xurdiu toda esta historia:”A idea xurdiu a raíz das nosas vivencias como fillos de emigrantes, e ó sentido de pertenencia que temos á Comunidade Autónoma de Galicia e ó país Helvético. Residimos durante distintas épocas da nosa vida nos dous países, e sentímonos parte helvéticos e parte galegos, tanto cultural como socialmente. Esta ligazón foi a que creou non só o proxecto, senón tamén unha grande amizade”.
Na súa páxina de Facebook podes ver as súas fotografías e tamén os seus produtos.Teñen un número de contacto 616575025 (Whatsapp)