Info- AXEGA 112 – Foto-CRTVG
Dúas persoas perderon a vida en senllos accidentes rexistrados en Pontevedra e Santiago. Segundo os datos recollidos no 112 Galicia, ambos os dous sinistros mortais producíronse entre as últimas horas do domingo e primeiras do luns como consecuencia da colisión entre dous vehículos.
Así, en Pontevedra, un turismo bateu contra un camión que estaba estacionado na PO-542, ao paso por Marcón. A causa do impacto, o condutor do coche faleceu e mesmo foi necesaria a intervención dos bombeiros da cidade para liberar a vítima.
Pola súa banda, os axentes da Garda Civil de Tráfico confirmaron que se trataba do único ocupante do vehículo, que se espetou contra o camión e ficou encaixado debaixo.
Deste xeito, foi necesaria a intervención dos equipos de excarceración, mais os profesionais sanitarios nada puideron facer por salvar a vida do condutor.
O 112 Galicia tivo coñecemento deste accidente grazas á chamada dunha persoa particular minutos despois das dúas da madrugada. A testemuña do accidente observou como o turismo bateu contra o camión estacionado e pediu, decontado, asistencia médica para o condutor do coche.
Falece un motorista en Santiago
O outro accidente mortal rexistrouse no serán do pasado domingo na DP-0701, dentro do termo municipal de Santiago. Neste caso, unha colisión entre unha moto e un turismo acabou coa vida do motorista, tal e como confirmaron ao 112 Galicia o equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os voluntarios de Protección Civil que se achegaron ao lugar do accidente logo de recibir a alerta do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia.
Tamén neste caso, a chamada dunha persoa particular ao 112 serviu para activar un operativo no que, ademais de voluntarios e sanitarios, interviñeron os axentes da Garda Civil de Tráfico e traballadores da Deputación da Coruña para a limpeza e restablecemento das condicións de seguridade na vía. Neste senso, cómpre sinalar que os labores de asistencia obrigaron a interromper a circulación durante un tempo e establecer itinerarios alternativos.
Coche volcado en Teo
Por último, pasadas as dez da noite de onte, un coche envorcou na confluencia das autovías AG-58 e AG-59, ao paso por Teo. Malia o estado no que quedou o turismo, o condutor puido saír polos seus propios medios e recibir asistencia médica. Así, desmobilizáronse os equipos de excarceración da base do GES da Estrada e dos Bombeiros de Ordes.