O cantante e máximo responsable da Orquesta Panorama expresou o seu apoio ao grupo Tanxugueiras: “Na final xa están e imos darlle o apoio máximo. Eu creo que deberían ir a Eurovisión. E estupenda a canción e a maneira de facer delas. É algo innovador”.
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas o músico destacou que o trío feminino “represéntanos como galegos pero tamén a todos. Podemos ter cada un a nosa cultura e estar unidos. A mensaxe é total.Podemos defender o noso sen que iso valla para outras cousas. Estar unidos en todo pero defendendo cada un o seu”.
«Se o público vota a tope imos ir para adiante»
Garrido dixo estar “un pouco decepcionado” coa votación do xurado:“Non sei se o xurado ten medo á hora de apoialas por cantar en galego”. Con todo engadiu:“Teño confianza absoluta porque son as mellores con diferencia. E se o público vota a tope imos ir para adiante”.
Lembra que “Nos últimos anos o festival de Eurovisión foi gañado por xente que apostou por cousas diferentes”. E polo tanto está convencido que “sería un acerto grande que Tanxugueiras nos representara. España non pode desaproveitar esa oportunidade”.
O líder da Orquestra Panorama manifestou en Radio Xallas 107.5 FM que “Terra” era “unha canción tremenda” destacando o sonido e o traballo de produción a cargo de Iago Pico que xunto con Sabela Maneiro tamén falaron fai uns meses na emisora con base en Santa Comba.