Como estaba previsto, a portavoz nacional do BNG recibiu un apoio maioritario (99% dos votos) na XVII Asemblea Nacional celebrada na Coruña, para continuar á fronte da organización. O reto é ambicioso pero Ana Pontón deixouno claro. O obxectivo é presidir a Xunta de Galicia no ano 2024.
Prometeu esforzo: “Tede a seguridade que vou deixarme a pel para sumar cada día a máis galegos e galegas ao proxecto do BNG”.
E apelou a ensanchar a base social do nacionalismo para poder gobernar o país:“A nosa vocación é Gobernar este País para darlle un futuro mellor e de esperanza ós galegos e ás galegas, así que non nos poñamos límites porque imos facer historia!”.
Esa e a grande cuestión:”Temos que dirixirnos á sociedade cos brazos abertos e as ideas claras, as portas están abertas a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, que comparten con nós que o cambio ou será galego ou non será”.
Ana Pontón lanzou a mensaxe dun cambio real, de que é posible vencer ao PP.“Somos o BNG do si, do si a darlle un futuro á mocidade; a facer do País un referente na innovación e na ciencia; a poñer a riqueza ao servizo das familias e das empresas, o do si a unha industria sustentable, a unha tarifa eléctrica galega, á sanidade e aos servizos públicos, o BNG do si ao dereito a unha vellez digna, a un modelo forestal sen monocultivo do eucalipto; do si a decidir desde nós para construír un futuro mellor. O BNG do si unha Galiza en grande”, proclamou.