Un grupo de ex militantes de Compromiso por Galicia denuncian o que consideran unha “estafa”. Indican que “desde a súa área de finanzas seguen a emitir cotas a antigos afiliados que xa se deron de baixa fai máis de 2 anos, e que así o notificaron no seu momento; pero a súa desfachatez vai máis aló, pasan cotas de afiliación a xente xa falecida”.
Este grupo quere facer un chamamento “a todos aqueles que fóchedes afiliados a CxG nalgún momento para que revisedes os cargos no banco porque esta xente non respecta en absoluto as comunicacións de baixas nin cumpren coa lei de protección de datos, e seguen a usar as vosas contas bancarias, que en moitos casos de forma reiterada e con devolucións manifestas”.
Afirmen que “seguen incluso pasando cotas utilizando cambalaches de denominacións como “asociación profesional” para ver se lles colan as cotas aos que xa nada temos que ver con esa organización de timadores”.
«Si cola, colou»
Tamén aseguran que “os de CxG non presentaron informe a Hacienda das cotas nin doazóns realizadas por afiliación nin colaboradores no ano 2020, o que perxudica as persoas que así o fixeron para a declaración do IRPF que se está a facer nestas datas. Estes son algúns dos despistes deste partido, usando a estratexia de SI COLA COLOU”.
Tamén teñen palabras críticas para o actual secretario xeral :”Ben sabido é da grande cantidade de xente que foi abandoando ese barco á deriva desde que o capitán é o Sr. Piñeiro Docampo. Ese home que enche o peito saíndo na TVG, facéndose chamar asesor do PDE (Partido Demócrata Europeo), cando na realidade é un político mediocre que todo o que toca o desfai”.