Rescatados os dous tripulantes dunha embarcación que naufragou en Muros
Dúas persoas foron rescatadas esta tarde polo equipo de Salvamento Marítimo despois que a súa embarcación naufragase a cinco quilómetros da costa nas proximidades do Monte Louro, no concello de Muros.Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, os tripulantes contactaron con Salvamento Marítimo para solicitar axuda tras percibir que o pesqueiro no que navegaban estaba a piques de afundirse.
Así, a embarcación Salvamar Regulos recolleu aos dous tripulantes e ambos puideron ser evacuados a bordo do helicóptero Helimer ata o Aeroporto de Alvedro, onde os agardaba unha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia tivo constancia dos feitos ás 17:00 horas a través do propio persoal de Salvamento Marítimo. Nada máis recibir o aviso, púxose en marcha un operativo que tamén contou coa intervención do Servizo de Gardacostas de Galicia, dos membros do GES de Muros, dos axentes da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil da localidade.O pesqueiro, de nove metros de eslora, resultou afundido por completo.
info-axega 112