O portavoz do Partido Galego, Maxi Vázquez, defendeu a “visión europeísta” e con vontade de diálogo da nova formación:”Non nacemos para loitar contra ninguén se non para buscar as mellores opcións para o noso país”.
Para Vázquez “a política adolece de capacidade de consenso e entendemento”. Sobre a pertenza anterior de moitos cargos a Compromiso por Galicia considerou lóxico que “se un partido non cumpre as súas funcións” se poida “cambiar de traxe”.
«Hai un 40% de galegos que podendo votar non o fai»
Pensa que o Partido Galego ten un sitio no actual taboleiro político galego:”Hai un 40% de galegos que podendo votar non o fai”. Despois da presentación toca ir aumentando a estrutura:”É un proceso lento. Non temos presa pero imos camiñar sen pausa”.
Nunha entrevista no programa radiofónico “Na Encrucillada” de Radio Xallas lamentou a “situación desalentadora” da política galega cun escenario que “non mudou en trinta anos”.
O Partido Galego e “transversal”. Maxi Vázquez non quere entrar na dialéctica dereita-esquerda. Considera “imprescindibles” as políticas sociais e “fundamental” o apoio ós autónomos e as pequenas e medianas empresas.
Quedan aínda lonxe pero as eleccións municipais sempre son unha cita a preparar:”A nosa idea é presentar candidaturas onde poidamos facelo con garantías”. Agora o primeiro e “dar pasos para que nos vaian coñecendo”