O deputado e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, destacou que os orzamentos estatais “saen adiante cunha mobilización de recursos inédita” e teñen “unha inversión pública decidida”, sendo “históricos” para Galicia.
“Son uns orzamentos que lamentablemente moita xente na dereita esperaba que non saíran adiante” declarou Gómez Reino nunha entrevista no programa Na Encrucillada de Radio Xallas.
Criticou a postura expresada polo BNG e asegurou que os orzamentos atenden “demandas históricas” como as relacionadas coa Ría do Burgo, o AVE, a mellora das pensións, as bonificacións da AP-9 ou nas “políticas sociais, sanidade, educación e de dependencia”.
Para o portavoz de Galicia en Común “son orzamentos pensados para un cambio de modelo produtivo” e cunha “inversión en Galicia que está por riba da de Cataluña, País Vasco e a maioría de territorios».Gómez Reino tamén incidiu no “compromiso co desenvolvemento rural e de defensa do sector lácteo” así como co sector pesqueiro.